A Deputación oferta aos concellos a xestión das escolas de patinaxe para que ningún nena/o quede fóra trala renuncia unilateral da federación galega

O deputado Gorka Gómez agradece a receptividade dos municipios afectados e garántelles que disporán do mesmo soporte económico do que gozaba a Federación

17/09/2022

A Deputación, que vén de recibir a renuncia da Federación Galega de Patinaxe para seguir xestionando as Escolas Deportivas desta modalidade, reaccionou de xeito inmediato ofertando as escolas directamente aos concellos co obxectivo de que ningunha nena e neno quede fóra e a actividade poida manterse. A renuncia unilateral da federación formulouse o pasado día 9, xusto antes do comezo da actividade. A Deputación reaccionou de inmediato e organizou unha xuntanza do deputado de Deportes, Gorka Gómez, cos responsables dos concellos afectados: Gondomar, Valga, A Guarda, Forcarei, Moraña, Pazos de Borbén, Ribadumia e Tomiño.

Gorka Gómez agradeceu a receptividade dos concellos diante deste imprevisto así como a súa predisposición favorable para solucionalo. “A Federación, de xeito unilateral, decidiu non continuar con estas escolas e renunciou a unha subvención en vigor, así que tivemos que buscar unha fórmula urxente para non prexudicar ás nenas e nenos e ás súas familias, nin tampouco aos concellos que contaban con esta actividade”. O deputado subliñou que a Deputación manterá o apoio económico e a partir de agora serán os concellos os que decidirán sobre a continuade coas Escolas de Patinaxe durante esta temporada, tendo en conta os condicionantes xurdidos.

A Administración provincial garante aos concellos o mesmo financiamento do que gozaba ata o de agora a Federación Galega de Patinaxe para que poidan contar coas/os monitores necesarias/os e que a actividade arranque con normalidade. Estímase unha participación mínima de 500 rapazas/rapaces, dado que esta Escola Deportiva é unha das que máis aceptación ten de entre as que financia a Deputación. De feito a matrícula chegou a alcanzar as/os 900 cativas/os no curso anterior á pandemia. “Tomámonos este tema moi en serio e a Deputación está a dar as máximas facilidades e poñendo todo o necesario para que siga atendéndose e cubríndose a demanda desta actividade nestes concellos”, subliñou o deputado.