Luis López convoca as e os 61 alcaldes da provincia o día 16 de outubro para explicar o novo plan de investimentos da Deputación nos concellos

O presidente da Deputación de Pontevedra detallaralles as e aos rexedores o novo reparto de fondos marcado pola transparencia e pola ausencia de sectarismo

09/10/2023

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de convocar as e os 61 alcaldes e alcaldesas da provincia para unha xuntanza o día 16 de outubro no Pazo provincial para comunicarlles polo miúdo o programa de investimentos do Goberno provincial para o vindeiro exercicio.

No marco dos preparativos dos orzamentos do próximo ano, e para cumprir coa súa palabra de explicarlles primeiro ao conxunto de rexedoras e rexedores os principios que marcarán os investimentos da Deputación nos distintos concellos pontevedreses, o mandatario provincial remitiulles este luns unha invitación para asistir a esta reunión.

Un encontro no que lles trasladará a súa intención de estreitar a colaboración cos concellos e afondar no apoio aos investimentos municipais. Así mesmo, Luis López detallaralles a todas e todos os dirixentes municipais cales serán os principios e as liñas mestras que marcarán o reparto de fondos provinciais nos distintos concellos, que se rexerá pola transparencia e pola ausencia de sectarismo.

O presidente trasladará o seu compromiso de levar a cabo un mandato caracterizado pola proximidade, pola comunicación fluída e pola lealdade institucional con todos os concellos sen importar o seu tamaño ou o partido no Goberno.