Luis López presenta o Plan +Provincia, o maior programa de apoio aos concellos da historia da Deputación, cun orzamento de 48,2 millóns de euros

O presidente da Deputación citou as e os 61 rexedores no Pazo provincial para explicarlles as liñas mestras do seu proxecto e dos orzamentos, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro

16/10/2023

plan mais provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este luns o novo plan de obras e servizos da entidade provincial, que levará o nome de +Provincia e estará dotado con 48,2 millóns de euros, a cifra máis alta da historia destes plans de investimentos nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. “Suporá un antes e un despois para os concellos da nosa provincia”, afirmou o mandatario provincial.

O programa +Provincia incrementa nun 9,5 % o orzamento do anterior plan de investimentos.  En só 100 días, o Goberno de Luis López elevou en 4,2 millóns de euros o importe total do coñecido anteriormente como Plan Concellos, que ao longo dos seus oito anos de vixencia se incrementou en 4 millóns, ao pasar dos 40 millóns de 2016 aos 44 de 2023.

“Esta cifra histórica está mesmo por riba do que nos demandaba a oposición, que reclamaba unha suba para este ano do 3 %, que deixaría o Plan en 45,32 millóns de euros. Pois nin o 3 %, porque medra un 9,55 %, nin 45,2 millóns, porque medra ata os 48,2 millóns de euros”, defendeu Luis López.

Outra das novidades que incorpora o Plan +Provincia é unha nova liña de financiamento. Ademais de conservar as de investimento, emprego e gasto corrente, o novo Goberno incorpora unha cuarta liña centrada en “proxectos de futuro” para “apoiar a redacción de novos proxectos transformadores, preferentemente aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e coas prioridades da Unión Europea”, explicou o presidente.

Así mesmo, outro dos elementos identificadores deste plan é que lles dará máis autonomía aos gobernos locais. “Seremos xenerosos á hora de flexibilizar o uso das distintas liñas de financiamento para que cada concello poida administrar os recursos con base nas súas necesidades”.

“O +Provincia é un apoio sen precedentes aos concellos de menos de 50.000 habitantes, os 59 dos 61 da provincia, un instrumento de transformación mellorado, unha mostra de confianza na autonomía local e un claro exemplo do municipalismo que practica este Goberno”, resumiu Luis López, quen tamén quixo recordar que este plan de colaboración cos concellos é froito de “escoitar moitos alcaldes”.

Neste sentido, comprometeuse a seguir polo camiño da mellora dos plans de obras e servizos da Deputación, “que non comeza hoxe nin comezou hai oito anos, comezou moito antes. Ademais, declarouse partidario da idea de que ‘é mellor ter un gran programa de investimentos que varios’”.

CONVENIO COA ATRIGA E CO DEPORTE

Así mesmo, Luis López empregou o acto para avanzar a previsión de que os orzamentos de 2024 entren en vigor o 1 de xaneiro e para presentar outras iniciativas do Goberno provincial que repercutirán directamente nas arcas municipais e, en consecuencia, no benestar do conxunto de toda a cidadanía da provincia.

Outra das grandes novidades presentadas polo presidente da Deputación foi o anuncio da sinatura dun convenio “pioneiro” coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) para que os concellos poidan ingresar as débedas fiscais que ata agora eran imposible de recadar. “Seremos a primeira deputación de Galicia en asinar un acordo destas características co organismo autonómico”, subliñou Luis López.

O presidente provincial tamén anunciou a aprobación dun plan extraordinario de mellora das infraestruturas deportivas dotado con 4 millóns de euros para modernizar ou construír novas instalacións. “Aproveitaremos os recursos que quedaron sen executar no pasado, os remanentes, para dotar moitos lugares da provincia de instalacións de nivel, porque apostar polo deporte é inxectar vida nos concellos e aí a Deputación estará sempre”, recalcou o presidente.

No vindeiros días, a Deputación aprobará tamén a redacción dun novo plan estratéxico de turismo “para converter o turismo nun motor de dinamización nos 61 concellos”. O proxecto ten o obxectivo de potenciar novos produtos turísticos, a rede de oficinas de información, a nova orde de axudas para as e os profesionais do sector e o turismo enogastronómico.

“Non hai ningún motivo que nos faga pensar que tocamos teito en turismo, e si moitos para seguir consolidando o destino Rías Baixas e outros destinos de interior”, propuxo o dirixente provincial.

PLAN PROVINCIA COMUNITARIA

A colaboración e a proximidade coas demais administracións é un dos sinais de identidade que caracterizan a acción de goberno da Deputación, pero tamén co tecido asociativo da provincia. Para materializar este compromiso, o executivo provincial incluirá nos seus orzamentos o Programa Provincia en Comunidade, dotado con 2 millóns de euros, para apoiar o labor das asociacións de Pontevedra.

“Esta provincia ten unha riqueza enorme na súa xente. Nos cidadáns con nomes e apelidos e nos colectivos que, no eido social, cultural ou veciñal, nos fan medrar como sociedade”, declarou Luis López. En particular, o mandatario do ente supramunicipal referiuse ao traballo das comunidades regantes. Estas entidades contarán cunha liña específica, Plan +Aqua,  dotada con preto de 1millón de euros, para axudar nas tarefas de abastecemento e explotación responsable dos recursos hídricos da provincia.

O presidente da Deputación de Pontevedra rematou a súa explicación cun balance de todos os anuncios que lles avanzou ás alcaldesas e alcaldes da provincia. “Suman polo menos 10 millóns de euros para seguir poñendo os concellos no centro e convertelos nos grandes protagonistas do mandato”, dixo sobre o Plan estratéxico para o turismo, o Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, o convenio coa ATRIGA, o Programa Provincia en Comunidade e os 4,2 millóns de euros de incremento do Plan +Provincia.

A DEPUTACIÓN DE TODAS AS PERSOAS

Non se quixo esquecer o mandatario provincial das dúas grandes cidades do territorio. “Atenderemos a Vigo, a Pontevedra e a todos”, asegurou. No caso da capital da provincia, López propón unha aposta pola cultura centrada na apertura á cidade do museo e do convento de Santa Clara. No caso da cidade máis grande de Galicia, comprométese a executar proxectos novos e outros xa en marcha, entre eles a obra da Grada de Gol do Estadio de Balaídos, cuxa documentación lle solicitou a semana pasada ao alcalde para concretar a remodelación canto antes.

Tamén aproveitou López para facer un pequeno repaso dos seus primeiros cen días á fronte do Goberno da Deputación; un período no que a institución participou nuns 270 actos públicos, unha media de tres ou catro por día; no que as bases do Plan PON2030 se modificaron para deixar de castigar os concellos que, ao conseguir fondos da Xunta ou do Estado, perdían parte das axudas concedidas pola Deputación; ou nos que os acordos da Xunta de Goberno serviron para mobilizar 18,5 millóns de euros, dos cales 12 foron parar directamente ás arcas dos concellos.

“Foron cen días de colaboración, de transformación e de municipalismo”, resumiu o dirixente, quen lles recoñeceu ás alcaldesas e alcaldes que é un “municipalista convencido”. Neste sentido, declarou que “son o que son hoxe en día grazas á política municipal e non teño intención nin motivos para cambiar”. Ademais, sinalou que “ser aliado do municipalismo implica apostar pola colaboración entre administracións antes que buscar o enfrontamento constante, ser municipalista supón respectar o poder local e a súa autonomía para non ser tutelados, implica asumir que o concello é moitas veces o primeiro contacto do cidadán coa Administración, significa que o concello ten boa parte das respostas ás necesidades actuais da xente e consiste en entender que hai 61 concellos, que cada un ten a súa propia realidade e que todos formamos parte de algo máis grande: esta fantástica provincia”, argumentou Luis López.

PONTEVEDRA VAI A MÁIS

Por iso, Luis López está convencido de que “Pontevedra vai a máis. Ir a máis é aplaudir o noso pulo económico, os nosos récords no turismo, os nosos éxitos deportivos, o noso dinamismo cultural e traballar para apoialo desde esta institución. Ir a máis é entrar cada día por este Pazo provincial coa intención de dar o mellor de nós e tratar de estar á altura do que nos pide a xente, e darlle prioridade á política útil do municipalismo sobre calquera outro modelo de confrontación artificial”, rematou Luis López. Así mesmo, reiteroulles ás e aos rexedores locais que “poño á vosa disposición este Plan +Provincia, o municipalismo deste Goberno e a miña man tendida”.

 

Galerias de imaxes

videos

audios