O pleno da Deputación dá luz verde a unha modificación de crédito para lanzar o Plan provincial extraordinario de mellora de infraestruturas deportivas dotado con 4 millóns

A sesión ordinaria deste venres serviu tamén para oficializar o apoio da Deputación ás reclamacións do Pacto de Pedre para mellorar a seguridade viaria da N-541 e expresar o rexeitamento do Pleno contra o recurso de inconstitucionalidade de Lei do litoral de Galicia

27/10/2023

Pleno 27 de octubre 2023

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres nunha sesión plenaria ordinaria unha modificación de crédito por un importe total de 4,3 millóns de euros que servirá para financiar o Plan extraordinario de infraestruturas deportivas pensado para mellorar ou crear novas instalacións nos concellos da provincia. A sesión serviu tamén para oficializar o apoio da Deputación ás reclamacións das e dos rexedores que integran o pacto de Pedre para mellorar a seguridade viaria na estrada N-541 e o rexeitamento ao recurso de inconstitucionalidade interposto polo Goberno central contra a Lei de ordenación integrada do litoral aprobada polo Parlamento Galego.

O voceiro do Goberno provincial, Jorge Cubela, foi o encargado de explicar a proposta de aprobación inicial do expediente de modificación de créditos, que saíu adiante cos votos favorables das e dos deputados do grupo popular. Unha proposta consistente na mobilización de 4 millóns de euros que se destinarán a financiar o Plan extraordinario de infraestruturas deportivas. Unha iniciativa do Goberno provincial para remodelar as instalacións existentes ou crear novas en concellos de toda a provincia.

Estes fondos proceden de baixas por anulacións de plans para investimentos en compostaxe ou en mobilidade de exercicios anteriores que ascenden a 2,3 millóns de euros. Os 1,7 millóns restantes proceden de maiores achegas a conta sobre as previstas no concepto de cesión do IRPF.

Do mesmo xeito, esta modificación de crédito servirá tamén para financiar a ampliación da rede de pluviais e a renovación do pavimento na travesía Estrada de Marín, Fonte Bieita e no camiño do Fondón en Moaña por 119.600 euros; unha cantidade procedente do concedido pola Deputación para a obra de rehabilitación do edificio vello do Concello que non se utilizou pola concesión dunha subvención do MITMA_PIREP. Unha situación similar ocorre en Ponteareas, onde o Goberno local renuncia á humanización da avenida Sarmiento Rivera para executar con eses fondos (189.100 euros) melloras no centro social, nas instalacións deportivas de Pardellas, na reconstrución da ponte de Fontenla ou na construción dunha nova ludoteca.

O voceiro do Goberno provincial, como alcalde de Cerdedo-Cotobade e membro desta unión de rexedoras e rexedores, asumiu tamén a defensa das peticións do Pacto de Pedre cunha proposta que obtivo o apoio dos grupos do Partido Popular e do BNG. A proposta consiste principalmente na adhesión da Deputación ás peticións que encabezan os sete concellos agrupados arredor deste pacto para esixir a mellora integral da estrada nacional N-541. Ao mesmo tempo, o ente provincial solicitaralles aos grupos políticos do Parlamento de Galicia que apoien estas iniciativas, instará o Goberno central a executar urxentemente a mellora desta estrada e, de xeito paralelo, pediralle á Xunta de Galicia que inicie os estudos para crear unha autovía que conecte os concellos de Pontevedra e O Carballiño, así como unha variante cara a Lalín.

Cara ao Goberno central volvéronse dirixir as propostas do Pleno coa aprobación dunha moción do grupo popular que defendeu a portavoz segunda do executivo pontevedrés, María Ramallo. Neste escrito, aprobado tamén grazas ao apoio das e dos do grupo popular e do BNG, a Deputación amosa o seu rexeitamento ante o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno en funcións contra a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral. Ao mesmo tempo, instan o executivo de Pedro Sánchez a reconsiderar a súa decisión o ofrécenlle sentar a negociar coa Comunidade Autónoma de Galicia unha lei que se fundamenta nas lexítimas competencias exclusivas que a Galicia lle recoñece o seu Estatuto de Autonomía.

Outro asunto aprobado nesta sesión foi o cambio de titularidade da estrada EP-2105 entre Panxón e Monteferro, que pasa de mans da Deputación ao Concello de Nigrán despois de executar un proxecto de mellora viaria nun tramo próximo a un quilómetro desta vía. Do mesmo xeito, a Deputación cédelle ao Concello de Ponte Caldelas tres treitos das estradas EP-0407, entre Borela e Ponte Caldelas; un treito antigo da EP-0207, entre a Insua e Chaín; e outro treito antigo da EP-0206, entre Ponte-Caldelas, Parada e Xustáns; un cambio de titularidade que se fai efectivo despois da mellora da seguridade viaria nestas estradas.

Finalmente, aprobáronse outras medidas encamiñadas a facilitar as xestións administrativas de concellos coma o de Sanxenxo e o de Barro. O primeiro delega na Deputación as facultades de recadación en vía executiva dos tributos e prezos públicos e demais ingresos de dereito público pertencentes ao Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo. No segundo caso, a Deputación asume as facultades, a petición do Concello de Barro, da fase instrutora e da colaboración na tramitación do procedemento sancionador en materia de tráfico e recadación das multas. Por outra banda, aprobouse a petición do Concello de Arbo para unirse ao convenio de colaboración en materia de xestión catastral entre a Secretaría de Estado de Facenda e a Deputación de Pontevedra.

A moción do grupo socialista para instar o Goberno galego á posta en marcha dun plan de investimentos a partir dos ingresos do canon de abastecemento de auga non obtivo o apoio necesario.