Luis López sinala a reforma do pavillón de Baltar como exemplo da transformación que impulsarán os 4 millóns do Plan de infraestruturas deportivas

O presidente referiuse ao plan extraordinario do Goberno provincial, que destina 4 millóns de euros para a construción ou renovación de instalacións deportivas nos concellos da provincia

18/10/2023

pavillón de Baltar

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou os 803.000 euros investidos polo Goberno provincial na reforma do pavillón de Baltar, en Sanxenxo, como exemplo da transformación das instalacións deportivas da provincia que impulsarán os 4 millóns de euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas que a Deputación xa ten en marcha. “O deporte é unha das grandes apostas do Goberno da Deputación, como tamén o son o turismo e o municipalismo”, afirmou Luis López, que estivo acompañado pola vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, na inauguración do renovado pavillón de Portonovo.

O mandatario provincial puxo tamén o foco no carácter municipalista do seu Goberno, que favorece a execución de proxectos coma o inaugurado este mércores en Sanxenxo, froito da colaboración institucional entre a Deputación e o Concello; un proxecto valorado en 1,07 millóns de euros, ao abeiro do programa provincial Reacpon, dos que a Deputación achegou o 75 % e o Concello os 267.000 euros restantes.

“Na Deputación ides atopar un aliado para seguir transformando os concellos con proxectos destas características e sempre baixo a escoita. Nós somos partidarios de escoitar para logo plasmalo en proxectos concretos, e tamén somos partidarios de darlles autonomía aos concellos para que sexan eles os que decidan o que deben executar”, sinalou o presidente da Deputación.

Neste sentido, Luis López referiuse a unha das novidosas liñas do recentemente presentado programa +Provincia, que o próximo ano porá a disposición dos concellos 48,2 millóns de euros, a cantidade máis alta da historia deste organismo supramunicipal. O presidente recordou que este plan inclúe un apartado de apoio a proxectos de futuro e mostrouse convencido de que “o Concello de Sanxenxo será un dos pioneiros da provincia no deseño deste tipo de proxectos”.

O mandatario provincial destacou o excelente resultado dunhas obras que se estrearán esta mesma fin de semana. Esta renovación integral serviu para eliminar barreiras arquitectónicas, mellorar a eficiencia enerxética, instalar unha pista polideportiva completamente equipada, reformar os vestiarios, facer unha fachada visualmente atractiva e cun illamento eficaz e mellorar a entrada de luz ao interior do edificio cunha mellor iluminación natural.

“Un equipamento de nivel para albergar grandes competicións e eventos deportivos en Sanxenxo”, concluíu o presidente da Deputación, Luis López.

Galerias de imaxes