Fernández del Riego e a mocidade: unha alianza para manter viva a identidade da cultura e a lingua galega

O Pazo Provincial acolleu o espectáculo teatral ‘Un optimista radical’ ao que asistiu alumnado dos CIFP Carlos Oroza e Manuel Antonio e dos IES Frei Martín Sarmiento e Valle Inclán

22/05/2023

Letras Galegas

O Pazo Provincial da Deputación acolleu hoxe un dos seus actos centrais para celebrar as Letras Galegas 2023 en homenaxe ao seu creador, Francisco Fernández del Riego, cun espectáculo teatral destinado á mocidade ao que asistiu alumnado dos centros integrados de formación profesional Carlos Oroza e Manuel Antonio e dos institutos Valle Inclán e Frei Martín Sarmiento.

O evento estivo organizado polo departamento de Lingua, cuxa deputada María Ortega sinalou que a rapazada é moi importante na transmisión da lingua e a cultura galega. “Acreditamos na mocidade, e tedes unha grande responsabilidade –advertiu a nacionalista á rapazada que enchía o salón de plenos-. Nas vosas mans está manter o legado de galegas e galegos que construíron a nosa cultura, o noso país, a nosa lingua. Tedes a responsabilidade de manter con vida a nosa identidade e de transmitila ás xeracións vindeiras”, destacou.

Ortega sinalou que a alianza entre o autor Fernández del Riego e a mocidade sempre foi total. Subliñou que el mesmo percorría institutos e centros de ensino para traballar en calquera iniciativa, por pequena que fose, que defendese o galego. “Hoxe estaría feliz de estar aquí con vós”, subliñou a deputada.

O espectáculo teatral tiña por título ‘Un optimista radical’ e foi representado por Serafin Marcos -ao abeiro da editorial Galaxia-. De maneira moi dinámica, interactiva e entre chanzas e risas, Marcos fixo un percorrido pola traxectoria vital e literaria de Del Riego, subliñando que foi un galeguista que tivo dúas paixóns, a idea de Galiza e a idea da liberdade.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, pola súa banda, agradeceu a participación dos centros educativos no acto e instou “a cada un dos alumnos e alumnas a que esteades alerta coa nosa lingua”, xa que é “unha das cousas máis importantes que ten un pobo, reflexo de toda a súa historia e cultura e creadora de pensamento”.

A presidenta lembrou algunhas citas de Fernández del Riego, como “pobo que esquece a súa lingua é un pobo morto”, ou “a lingua é a forma necesaria de entendemento, non hai creación sen pensamento nin pensamento sen palabras”, e asegurou que “se perdemos a nosa lingua perderemos a nosa forma de pensar, que é única e auténtica xa que ten moitos recursos propios que soamente nós podemos entender”, recursos cos que o galego “constrúe unha forma de estarmos no planeta, de entendermos a vida e de relacionármonos”.

Tamén destacou que defender a nosa lingua “é honrar a quen estiveron antes que nós defendéndoa”, e recordou a súa infancia, “onde nin na escola nin na casa se me permitía falar galego malia ter unha nai exclusivamente galegofalante. Tivo que pasar moito tempo para que eu fose consciente de que me estiveran roubando o meu idioma e a miña forma de pertencer a unha comunidade”. Por iso, asegurou, “temos que ser como don Paco e ter un compromiso férreo co galego”.

Durante o acto a presidenta quixo aproveitar a ocasión para lembrar o papel de Fernández del Riego na creación da Editorial Galaxia, “que defende a nosa tradición literaria á vez que empurra a mulleres e homes que hoxe escriben e están conseguindo que as nosas letras sexan traducidas a todos os idiomas do mundo”, e concluíu que “temos que sentir moito orgullo de ser un pobo tan especial, e ir polo mundo cun corazón ben grande que diga ‘Eu falo galego’”.

A rapazada participante no acto recibiu como agasallo do departamento de Lingua a publicación realizada por ‘Polo Correo do Vento’ titulada ‘O camiño andado das letras’, na que se recompilan 60 fichas sobre as autoras e autores aos que se ten dedicado as Letras Galegas nos últimos 60 anos, con información sobre as súas obras e tamén un pequeno comentario sobre o propio Del Riego por ter coñecido ou estudado a cada persoa homenaxeada.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.