A Deputación reivindicará a Fernández del Riego e a súa inequívoca relación con Vigo con diversas actividades culturais que culminarán cunha ampla exposición

Carmela Silva: “Vigo tiña que celebrar de forma especial a esta figura inesquecible e imprescindible, porque o seu principal legado está aquí e foi o responsable de que tanta xente escollese a esta cidade como un lugar de cultura”

10/05/2023

Rolda Fernandez del Riego

A Deputación de Pontevedra reivindicará a figura do escritor e avogado Francisco Fernández del Riego, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, cunha programación estendida ao longo de todo o ano organizada en colaboración coa Fundación Penzol, á que pertenceu o homenaxeado e onde se garda o seu principal legado. A presidenta provincial, Carmela Silva, deu a coñecer hoxe as actividades previstas, que inclúen unha ampla exposición sobre os fondos que custodia a Penzol, xunto ao director da fundación, Xosé Manuel Soutullo, e subliñou que aínda que a programación chegará a toda a provincia, era “obrigado” que Vigo celebrase “dun xeito especial” a súa vinculación co homenaxeado, “unha figura inesquecible e imprescindible e que foi o responsable de que tanta xente vise a esta cidade como un lugar de cultura e de orgullo”.

Carmela Silva destacou que esta vai ser “unha exposición única e extraordinaria que vai comisariar a propia Fundación Penzol” no último trimestre do ano. Explicou que a mostra, que se exhibirá na sede de Vigo, mesturará unha parte documental cos fondos que pertenceron ao escritor, político e intelectual, e completarase cunha serie de paneis informativos. “Vigo formou parte da súa vida e Del Riego é parte fundamental da cidade -destacou-. E este vai ser o ano de Fernández del Riego e tamén da Fundación Penzol”. Neste senso, a presidenta quixo destacar o labor fundamental que desenvolve a entidade, “para seguir facendo que a nosa cultura, a nosa lingua e todo aquelo que somos siga vivo e máis forte cada día, co orgullo de que estea asentada nesta cidade, onde tantas cousas extraordinarias pasan en torno á cultura”. Apuntou neste eido que Vigo “xa se identifica como un centro cultural e unha grande referencia” polo traballo que desenvolveron Del Riego e numerosos e numerosas escritoras, artistas e intelectuais e que continúan entidades como a Penzol. 

Na especial relación de Fernández del Riego con Vigo incidiu tamén o director da fundación, Xosé Manuel Soutullo, que lembrou o “legado extraordinario” que deixou del Riego na cidade. Recordou que a propia Fundación Penzol instalouse na cidade olívica porque este “obreiro do galeguismo”, como el mesmo se definía, estaba asentado na cidade, á que chegou no 1939, e xunto a Xaime Illa e Ramón Piñeiro lideraban a xeración do grupo Galaxia. Deste xeito, sinalou que “Vigo dende o corazón de Galicia”, como se titulou a obra sobre Del Riego publicada pola fundación hai uns anos, será precisamente o eixo desta parte da mostra, “porque de punta a punta nesta cidade está a biografía concentrada de Francisco Fernández del Riego”. 

Amais desta mostra, no marco da programación da Deputación de Pontevedra e a Fundación Penzol están previstos diferentes obradoiros creativos en centros escolares de Primaria e Secundaria, a fin de divulgar e poñer en valor a figura deste ilustre escritor, político e intelectual. Faranse partindo dos fondos cos que conta a Penzol de Fernández del Riego, quen foi director da súa biblioteca durante case medio século, e que son tanto literarios, epistolares, bibliográficos e tamén artísticos.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.