“Fernández del Riego teimou por facer unha Galicia máis culta e libre”

A Deputación celebrou hoxe o seu acto central das Letras Galegas en homenaxe a Don Paco cunha palestra de Malores Villanueva e un espectáculo de cociña en vivo do chef Rubén González

13/05/2023

Letras Galegas 2023 Francisco Fernández del Riego

“Si Galicia sobreviviu e ten como pobo un porvir dediante e unha misión histórica é porque conta cunha fala de seu”. Con estas verbas do discurso de ingreso de Francisco Fernández del Riego na Real Academia Galega en 1930 comezou hoxe o acto central das Letras Galegas 2023 da Deputación de Pontevedra en homenaxe ao autor.

Unha palestra a cargo da integrante da Editorial Galaxia e padroeira da Fundación Penzol, Malores Villanueva, e un espectáculo de cociña en vivo do chef  Rubén González puxeron o broche de ouro á reivindicación de Del Riego como un home que, en palabras da deputada de Lingua María Ortega “só entendía estar no mundo como galego e purraba por todo o que implicase avance e progreso para Galicia, que teimou por facer máis culta e libre”. O evento contou, ademais, coa participación da académica Fina Casalderrey.

A deputada de Lingua abriu o evento, subliñando que a festividade máis importante da cultura galega, que cumpre sesenta anos este 2023, foi produto da invención de Francisco Fernández del Riego, de quen “exerceu durante toda a súa vida unha incansable ‘MILITANCIA POLA LINGUA’”. Lembrouse que foi secretario xeral das Mocidades Galeguistas durante a II República, membro do Seminario de Estudos Galegos, foi un dos fundadores da editorial Galaxia, presidiu a Real Academia Galega e foi director da Fundación Penzol, “exercendo de tradutor, editor e articulista sen desalento, tamén lle debemos a construción dun galego universal no século XX”.

Ortega, facendo tamén relevancia da súa responsabilidade como deputada de Memoria Histórica, lembrou que a Del Riego tocoulle vivir “entre persoas e tempos escuros” superando momentos complexos pola súa ideoloxía, polos que tivo que agocharse e deixar de usar o seu apelido para poder exercer a súa actividade académica, para a cal estaba inhabilitado polo réxime, chegando a estar dúas veces no cárcere (unha en A Parda).

Tamén salientou que como “home de acción e persoa pragmática, foi considerado por moitas o ministro de exteriores do galeguismo e (...) desempeñou un papel clave na vinculación entre o universo do exilio franquista e a Galiza do interior.

Ademais de todos os aspectos destacados da súa influencia na lingua galega, a deputada puxo de relevo que a Deputación tamén quixo achegarse “á súa versión máis gastronómica”. Por iso, seguindo a Otero Pedrayo  que chamaba a Del Riego  “pontífice do manxar escolleito” no seu poema ‘Marcha triunfal’, asegurando que celebraba “épicas ceas louvadas”, o Departamento de Lingua organizou unha demostración de cociña en vivo cos seus produtos favoritos a cargo do cociñeiro Rubén González.

Este fixo un percorrido por tres dos lugares máis imporrantes da vida do autor (Galiza, Arxentina e París), con pratos galegos, arxentinos e franceses. A xornada rematou cantando a peza ‘A miña burriña’, o tema co que Del Riego finalizaba todas as súas papadelas.

Unha Galicia dona de seu

Malores Villanueva fixo un percorrido pola biografía de Francisco Fernández del Riego tanto dende un punto de vista íntimo e persoal como do seu compromiso político e coa cultura e a lingua galega. Falou na súa palestra de cuestións triviais como a afección ao fútbol (era siareiro do Celta), á praia, e tamén á gastronomía (asegurou que a estaría moi contento da degustación e festa da Deputación na súa honra) e salientou que “queimou a súa vida na construción dunha Galicia dona de seu”.

Definiu a Del Riego como home de esquerdas, un nacionalista-socialista que iniciou a súa traxectoria pública como líder estudantil significado. Lembrou os momentos máis complexos nos que estivo na cadea pola súa ideoloxía (en 1947 e 1955)  e salientou que era un home de acción que estivo detrás de case todas as iniciativas culturais da posguerra: calquera proxecto, por pequeno que fose, lle parecía importante e era incapaz de dicir que non se a súa participación aseguraba a presenza do galego.

En 1963, subliñou Villanueva, tres proxectos transcendentais para Galicia: a creación do Día das Letras Galegas, da Fundación Penzol e a publicación da revista Grial, despois de ser censurada en 1952, iniciativas nas que destaca a figura de Del Riego.

“A súa cabeza sempre matinaba como aglutinar novamente o galeguismo e levar a cabo proxectos que fosen ponte coas xeracións anteriores. Niso queimou a vida, na idea dunha Galicia dona de seu, unha causa que transmitía con entusiasmo, compromiso e lealdade”.

Destacou a investigadora que “o amor e o servizo a Galicia foi o que o moveu toda a súa vida”, e sinalou que na Fundación Penzol, deixou en doazón toda a súa biblioteca a disposición, a maior de fondo privado sobre Galiza de todo o mundo

Todas as persoas que participaron no evento levaron a copia facsimil dun artigo escrito por Del Riego durante a II República, cando apenas tiña 19 anos, no que como activista universitario chama ao erguemento da cultura galega. “Xa tiña claros os seus ideais”, dixo a deputada de Lingua, cando A Nosa Terra publicaba no 1932 o texto ‘Fiestra sobor da lingua galega’.

A académica da RAG Fina Casalderrey subliñou que “Galicia precisa máis militantes pola lingua como Don Paco”. Salientou que era un “executivo que tiña ideas, as poñía a andar e levaba a termo. Era un xardiñeiro que sementou as letras galegas e tivo unha resistencia heroica malia as durísimas circunstancias da posguerra. Todas as súas horas dedicoullas a Galicia”, subliñou. 

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.