A Deputación celebra o talento mozo da provincia coa gala dos VI Premios Provinciais á Xuventude

No evento entregouse o recoñecemento a 32 proxectos das 75 candidaturas presentadas que se repartiron entre rapazas e rapaces de 15 concellos da provincia

18/11/2022

María do Carmen Kruckenberg

O Salón de Plenos do Pazo provincial vestiuse de longo esta tarde na gala de recoñecemento ao talento xuvenil da provincia na súa habitual cita anual cos Premios Provinciais á Xuventude, que este ano chegaron á súa sexta edición, e co concurso Reacción polo clima, que celebrou a súa terceira convocatoria. No evento, conducido pola actriz e xornalista cultural Adela Bérre, coñecéronse os traballos premiados nos dous programas, pertencentes a 31 mozas e mozos, unha asociación e dúas aulas de ensino secundario de 15 concellos da provincia: Bueu, Cangas, Gondomar, O Grove, Lalín, Marín, Nigrán, Poio, Pontevedra, Ribadumia, O Rosal, Salvaterra, Silleda, Vigo e Vila de Cruces. No caso dos Premios Provinciais á Xuventude, as persoas galardoadas recibiron cadanseu trofeo elaborado na Escola de Cantería, mentres que ás recoñecidas no concurso Reacción polo clima se lles entregou un diploma acreditativo.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou que “a mocidade da nosa provincia volve amosar, un ano máis, o seu gran talento. É emocionante ver como hoxe se reúnen na Deputación as que no futuro, e xa no presente nalgúns casos, serán as caras visibles da cultura, da economía, a innovación, a solidariedade e o compromiso medioambiental do noso país”. A presidenta provincial o feito de que as mulleres sexan maioría, ata o punto de que “en catro das categorías unicamente foron premiadas proxectos e obras feitas por mulleres, o que quere dicir que se nalgúns sectores se nos invisibiliza non é precisamente nin por falta de ganas, nin de iniciativa nin de talento”. Carmela Silva tamén agradeceu a altísima participación na categoría de Investigación, unha novidade deste ano, “o que amosa o gran compromiso das novas xeracións para dotarnos de coñecemento e de solucións innovadoras no eido da sanidade, axenda urbana ou tecnoloxía, que dean resposta ás necesidades da nova sociedade e así mellorar a nosa calidade de vida e a das xeracións futuras”.

As premiadas e premiados nos VI Premios Provinciais á Xuventude, nos que se recibiron un total de 75 candidaturas, foron os seguintes:

Iniciativa empresarial, 1º premio para Eire García Cid (Nigrán) por CRU Producións Cooperativa Galega, 2º premio para Alba e Antía Outeda Barral e Sara Lede Rey (Ribadumia) por La Fiestería Eventos y Ocio Infantil e 3º premio para Eva Pena Fandiño (Pontevedra).

En Educación en valores, 3º premio para o IES Frei Sarmiento de Pontevedra polo proxecto ‘Mulleres na ciencia? Abre os ollos!’.

En Investigación, 1º premio para Manuel Casal Guisande (Vigo) por ‘Deseño e desenvolvemento dun sistema intelixente de soporte á decisión clínica para a avaliación do risco de padecer cancro de mama’, 2º premio ex aequo para Iván Garrido González (Vigo) por ‘Automatización de la inspección termográfica: desarrollo de algoritmos termo-geométricos para detección de patologías apoyados en estrategias de aprendizaje automático’ e e Jesús Balado Frías (Salvaterra) para ‘Clasificación e modelado de zonas urbanas a partir de nubes de puntos para diagnoses de accesibilidade física e cálculo de rutas peonís’, e 3º premio tamén ex aequo para Pablo Fondo Ferreiro (Vigo) por ‘Arquitectura de redes definidas por software para a creación de redes celulares e móbiles simples e flexibles’ e Rebeca López Villar (Vigo) co traballo ‘Representaciones de la bruja en la creación audiovisual contemporánea (2000-2019): videoarte, cine y televisión’.

Na categoría de Contido audiovisual, 1º premio para Roberto Pastoriza Rodríguez (Bueu) por ‘Ata o final’ e 2º premio para Andrea Gondález Lozoya (Vigo) por ‘Ligione Mag’.

En Traballo musical: na subcategoría ‘Outros xéneros’, 1º premio para Santiago Guerra Fernández (Cangas) por ‘Paint in blue’, e na na subcategoría ‘Música clásica’ levou o 3º premio María Magdalena Arbigay Ligero (Pontevedra) por ‘No río dos Gafos’.

En Banda deseñada outorgáronse un 2º premio para Sabela Domínguez Costa (Marín) por ‘Cómo he llegado hasta aquí’ e un 3º premio para Icía Paz Alonso (Vigo) por ‘Pereza’.

As gañadoras na categoría de Deseño e moda foron Sabela Juncal Vidal (Pontevedra) por ‘Condominio’, 1º premio, e Laura Barrós Chans (Pontevedra) por ‘Novo Pentairon’, 2º premio.

En Traballo literario breve, subcategoría ‘Narrativa’, o 1º premio foi para Inés Alonso Veloso (Vigo) por ‘El verano del 81’, o 2º premio para Laura Rubio Lareu (Vila de Cruces) por ‘Un bechiño na memoria’ e o 3º premio para Pedro Rodríguez Vilar (Nigrán) por ‘A marea da despedida’. Na subcategoría ‘Poesía’, o 1º premio foi para Eva Pena Fandiño (Pontevedra) por ‘Fogar’, o 2º premio para Lucía Álvarez Albarenga (O Rosal) por ‘Lunática’ e o 3º premio para Eva González Blanco (Lalín) por ‘Trémulo sufrimento’.

Por último, en Fotografía orixinal, na subcategoría de ‘Fotografía’ o 1º premio foi para Helena Constenla Lorenzo (Poio) por ‘Futuro e esperanza do golfo de California’, o 2º premio para María Sarrapio Pol (Pontevedra) por ‘La alabanza de las creadoras’, e o 3º premio para Irene Curra Piñeiro (Bueu) por ‘Abierto’. En ‘Serie fotográfica’ resultaron premiadas co 1º premio Claudia Gómez López (Pontevedra) por ‘Rituais do cotián’, co 2º premio Ana Gómez Ferreira (O Grove) por ‘Lugares onde vivir’ e co 3º premio Lara Cores Piñeiro (Ribadumia) por ‘Pregos’.

Compromiso con poñerlle freo ao cambio climático

Durante a gala tamén se celebrou a entrega dos premios do concurso Reacción polo clima, no que a Deputación motiva a mocidade a que se manifeste en contra do cambio climático a través de vídeos reivindicativos empregando os formatos comúns do contido de vídeo en redes sociais. Os galardóns foron parar á Asociación de Amigas e Amigos da Empanada (Silleda) por “Estamos a tempo de paralo”, 1º premio, o alumnado de 4º da ESO do Colexio Lar (Vigo) por “Ecorrusel”, 2º premio, e Juan Rodríguez Bas (Gondomar) por “E ti, onde queres parar?”, 3º premio.

Na gala, que se retransmitiu en directo nos perfís de Twitter e YouTube da Deputación, non faltou a música grazas a Eva Pico, alumna da 1ª edición do programa de mentorías de Descúbreas. A moza, de só 17 anos, volveu sorprender no escenario ao interpretar os temas “Ojos de gata” (acompañada de Lidia Aldao  ao piano e voz e Christian Fernández á guitarra), “Nana triste” e “Nueve septiembres”, este último de autoría propia. Ademais, tamén se proxectaron vídeos motivadores do deportista olímpico Nico Rodríguez e da escritora Ledicia Costas.

Galerias de imagenes

videos