Preto de 80 traballos optan este 2023 aos Premios Provinciais á Xuventude que promove a Deputación

A maior parte das propostas para estes galardóns, que celebran a súa sétima edición, preséntanse nas categorías de traballo literario breve e fotografía orixinal, seguidas dos proxectos de investigación

26/09/2023

A convocatoria dos Premios Provinciais á Xuventude 2023 da Deputación de Pontevedra recibiu este ano, na súa sétima edición, 77 traballos, que agora van ser avaliados polos xurados das diferentes categorías. Con estes galardóns, que en total reparten 36.000 euros, a institución provincial busca estimular e promover a creatividade da mocidade da provincia no ámbito sociocultural, así como amosar o seu compromiso no eido da loita contra o cambio climático e a recuperación do medio.

As categorías que maior interese suscitaron na convocatoria deste 2023 foron a de traballo literario breve, á que se presentaron un total de 22 traballos (tres máis que na edición do pasado 2022), e a de fotografía orixinal, con 21 propostas. Ademais, no caso dos proxectos de investigación, houbo tamén unha notable participación, con 17 presentados, unha cifra que tamén se incrementa con respecto aos do ano pasado, no que houbo 15. O resto das propostas optan aos galardóns nas modalidades de banda deseñada (6), traballo musical (4), educación en valores (3), deseño e moda (2),contido audiovisual (1) e reacción (1) polo clima.

Os xurados encargados de avaliar os traballos (hai un para cada unha das categorías dos premios) está formado por persoal técnico da Deputación de Pontevedra e expertas e expertos invitados, coma Alicia Estévez Toranzo, vicepresidenta da Real Academia de Ciencias, e Víctor Manuel González Sánchez, director do Centro Asociado de Pontevedra da Universidade Nacional de Educación a Distancia, no caso dos proxectos de investigación; Susana Laya Fernández, codirectora do Atlantic Fest, na categoría de traballo musical; ou o escritor Alberto Fortes, na de traballo literario breve, entre outros.

Os Premios Provinciais á Xuventude están dirixidos á mocidade con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. No caso da categoría de reacción polo clima, permítese especificamente a concorrencia de proxectos de centros educativos nos que participe alumnado de entre 12 e 18 anos.

 

Ligazóns de interese