Luis López remarca a importancia da educación ambiental na inauguración do seminario sobre novos retos na xestión de residuos

O presidente da Deputación deu o discurso de apertura deste congreso, celebrado no salón de plenos do Pazo provincial, no que se deron cita decenas de profesionais para analizar a situación actual e os problemas que se deben resolver para mellorar as cifras de reciclaxe

14/12/2023

Participantes no seminario sobre xestión de residuos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou a importancia da educación ambiental como camiño para mellorar os datos de reciclaxe e tratamento do lixo na provincia de Pontevedra durante a inauguración do seminario sobre novos retos das entidades locais na xestión de residuos, que se celebrou este xoves no salón de plenos do Pazo provincial. O dirixente do organismo supramunicipal encargouse de abrir un congreso que atraeu o interese de decenas de profesionais relacionados con este sector e que durante toda a mañá asistiron a charlas, conferencias e mesas redondas sobre distintos asuntos relacionados coa ecoloxía, co coidado do medio e coa recollida ou tratamento dos restos. “Apostar pola educación das novas xeracións é apostar polo futuro”, asegurou o presidente provincial, que reiterou o compromiso da Deputación para fomentar a reciclaxe a través de investimentos nos concellos, contactos con entidades e empresas especializadas neste eido ou programas provinciais, coma o recentemente estreado “Ponte a zero”.

“Na xestión de residuos temos un longo camiño por percorrer, pero xa iniciamos a marcha”, sinalou Luis López antes de detallar o contido deste programa de educación ambiental impulsado pola Deputación en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), o centro de referencia para a educación e divulgación ambiental de Galicia. Trátase dun programa no que a Deputación inviste 150.000 euros, que consiste na organización de actividades didácticas, divulgativas e lúdicas en centros educativos de toda a provincia para estudantes, desde educación infantil ata formación profesional, e que inclúe tamén formación para o profesorado. Ademais, o Goberno provincial reforza o seu compromiso coa xestión dos residuos coa cooperación con concellos a través do programa “PON2030”, no que se mobilizan preto de 900.000 euros, co despregamento de puntos limpos en diversos concellos da provincia, que supoñen un investimento duns 600.000 euros ou unha liña de subvencións a empresas para a autoxestión dos seus residuos e a colaboración coa comunidade por máis de 900.000 euros.

“A Deputación amosa novamente que é unha ponte fundamental para afrontar un reto que nos compete a todos, desde as institucións aos particulares, pasando polos investigadores ou as empresas. Estou seguro de que, si avanzamos xuntos, chegaremos máis rápido e chegaremos máis lonxe para construír unha provincia máis comprometida co coidado do medio e que sexa referencia en sostibilidade”, declarou o presidente da Deputación.

Ao longo da xornada, as persoas asistentes ao seminario recibiron información de relatoras e relatores reputados en materias coma a normativa na xestión de residuos, o panorama actual deste sector na provincia de Pontevedra, os programas de educación ambiental do CEIDA, a xestión dos biorresiduos nas plantas de compostaxe e exemplos de boas prácticas noutros territorios, coma na contorna do Porto ou na comarca de Pamplona.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.