Luis López presenta no Colexio Serra-Vincios de Gondomar o programa Ponte a Zero da Deputación para fomentar a compostaxe

O presidente da Deputación visitou este centro para dar a coñecer os principios deste plan provincial de educación ambiental deseñado para concienciar a comunidade educativa sobre a necesidade de mellorar os datos de separación de residuos e reciclaxe na provincia

30/11/2023

Luis López  no Colexio Serra-Vincios de Gondomar

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este xoves o novo programa Ponte a Zero, que ten como obxectivo fomentar a compostaxe e a separación de residuos en toda a provincia. Nunha visita ao CEIP Serra-Vincios de Gondomar, o mandatario provincial explicoulles ao alumnado e ao profesorado as liñas mestras deste proxecto de educación ambiental, que centrará a súa actividade, con charlas, actividades, obradoiros e formación, nos centros educativos da provincia e que conta cun investimento por parte da Deputación de 150.000 euros.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar os datos de compostaxe, reciclaxe e recollida selectiva do lixo no territorio pontevedrés. A provincia sitúase seis puntos por detrás da media galega en canto a reciclaxe, polo que cómpre concienciar a poboación local para que entenda a necesidade de separar correctamente os residuos para reducir os custes de recollida e tratamento, e así cumprir cos obxectivos marcados pola Unión Europea en materia de xestión de residuos.

Durante a visita, o presidente comentou coas e cos estudantes de educación primaria deste centro de Gondomar aspectos relacionados coa compostaxe e adiantoulles as actividades que realizarán ao longo do curso académico ao abeiro deste programa. Tamén participou no obradoiro organizado nunha clase do centro educativo para dar a coñecer e divulgar o programa, que contará con charlas para explicar que facer cos residuos, con xogos para descubrir como reducir a contaminación, coa creación de hortas escolares, e con numerosos experimentos para dar a coñecer como funciona un composteiro.

Este programa execútase en colaboración co Centro de Referencia para a Educación Ambiental de Galicia, un organismo co que a Deputación leva colaborando neste eido desde 2017. Con todo, a novidade deste novo programa pasa por centrar os esforzos na concienciación ao conxunto da comunidade educativa, con iniciativas destinadas a estudantes desde educación infantil a formación profesional, ao profesorado e mesmo aos integrantes das asociacións de nais e pais.

Galerias de imaxes