A Deputación dota de sistemas de reciclaxe once concellos da provincia para darlles vida ao comercio e á hostalaría local

Investirá preto de 200.000 euros na instalación de illas ecolóxicas e dispositivos de reciclaxe para residuos especiais, dúas actuacións enmarcadas no proxecto “Da túa man” (rural II)

01/12/2023

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de darlles luz verde a dúas novas actuacións ao abeiro do proxecto “Da túa man” (rural II), o programa de apoio á actividade comercial da hostaleira local do rural da provincia que se desenvolve nos concellos da Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa. Desta maneira, cun orzamento base de licitación de preto de 200.000 euros, vaise proceder a contratar a subministración de illas ecolóxicas de contedores e de dispositivos de reciclaxe para residuos especiais. “Para nós é un obxectivo prioritario dinamizar a economía, o gran piar para que esta provincia vaia a máis”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López.

En concreto, máis de 130.000 euros iran destinados á subministración de illas ecolóxicas, que contarán con contedores específicos para papel e cartón, envases lixeiros, vidro, biorresiduos e restos. Ademais, cun orzamento base de 60.000 euros instalaranse dispositivos de reciclaxe de residuos específicos e altamente contaminantes, un sistema que consistirá nun colector de pequeno formato con espazos independentes para pilas, lámpadas ou baterías de residuos electrónicos, entre outros.

En palabras do presidente provincial, “Da túa man” (rural II), dotado con 500.000 euros e financiado integramente cos fondos NextGeneration, vai permitir “modernizar o pequeno comercio local adaptándoo aos novos hábitos de consumo”, a través da implementación e do uso das novas tecnoloxías, do desenvolvemento de prácticas que promovan a economía circular e da mellora no acondicionamento dos espazos e da creación de vínculos na cadea de valor do comercio local para impulsar unha estratexia común que implique as comunidades locais, os concellos e a Deputación.  “Se onte presentamos o proxecto ‘Ponte a Zero’ para fomentar a concienciación mediaombiental desde a educación, hoxe presentamos actuacións da prolongación do ‘Da túa man’ para facelo desde o comercio de proximidade”, asegurou Luis López.