A Deputación rende homenaxe a Juana de Vega no 150 aniversario do seu falecemento cun acto xunto á camelia que leva o seu nome en Soutomaior

Carmela Silva: “Celebramos a unha grande. Juana de Vega foi unha muller incrible, avanzada, que como outras do século XIX e XX fixeron unha revolución silenciada e ocultada, e que deixaron un legado de ideas que está plenamente vixente”

22/06/2022

Homenaxe Juana de Vega

A música de violín que tanto apreciara como mecenas que foi de Pablo Sarasate estivo presente hoxe na homenaxe promovida pola Deputación á Juana de Vega (1805-1872), no día en que se cumpre o 150 aniversario do seu falecemento. Nos Xardíns do Castelo de Soutomaior e ante a camelia que leva o seu nome, a presidenta Carmela Silva, xunto á arquitecta e representante da Fundación Juana de Vega, Teresa Táboas, o alcalde Agustín Reguera e a xefa de Servizo de Areeiro, Carmen Salinero, enxalzou a figura desta activista e escritora e liberal do século XIX, que destacou especialmente polo seu labor en favor das persoas máis desfavorecidas e tamén polo seu papel como mecenas cultural. Na cita actuaron as violinistas Xela Conde e Sara Bonner, ambas integrantes da Orquestra Sondeseu, que interpretaron tres pezas.

Carmela Silva destacou que Juana de Vega pertence a esa xeración de mulleres do século XIX e XX “que fixeron unha gran revolución silenciada e ocultada, que foron innovadoras, que se enfrontaron a moitas dificultades e das que somos herdeiras” e que “deixaron un legado de ideas que non só está vixente, senón que está plenamente vixente”. “Que vixentes –dixo- seguen en moitos lugares do mundo aquelas ideas da educación como instrumento para favorecer a igualdade de oportunidades e estas mulleres xa falaban da importancia da cultura como elemento transformador da sociedade. Esas mulleres escribían, viaxaban, creaban redes e tiñan ideas innovadoras para transformar o mundo e o conxunto da sociedade. Témolas que celebrar e poñer no centro do discurso político, facer que sexan exemplo para seguir avanzando e por iso homenaxeamos a Juana de Vega, que foi unha muller incrible, culta, liberal, progresista, que apostaba por un modelo económico avanzado no que pesaban máis as clases con menor capacidade económica, que entendía que había que crear instrumentos para vivir con dignidade e cunha clara idea de cohesión social”. Citou o feito de que o seu marido, Espoz y Mina, si está nos libros de historia, “e era admirable, pero ela foi tan admirable ou máis que el e non o está”. Engadiu o seu papel como mecenas e aia de raíñas, “as que lles dicía que un gobernante ten que gobernar para o seu pobo”.

No Xardín de Camelias con Nome de Muller e “creando redes tamén” coas mulleres presentes, a presidenta provincial indicou que este é o primeiro acto dedicado no 150 aniversario do pasamento de Juana de Vega neste ano “co que celebramos a unha grande”, aínda que se organizarán máis para dala a coñecer “porque hai que ir aos centros educativos e encher os ocos que o poder patriarcal se encargou de baleirar”. Coa camelia que leva o seu nome, ao igual que as restantes que integran este espazo, destacou que “celebramos a mulleres que deixaron unha forte pegada e queremos espertar a necesidade de que a xente coñeza tanto a Juana de Vega como ás outras mulleres, dentro da nosa aposta pola igualdade como centro da acción”.

Foi a xefa de Servizo de Areeiro e presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero, a encargada de facer unha retrospectiva de Juana de Vega, para quen ela propuxo o nome dunha das camelias do xardín, “no que non só queremos falar de igualdade, senón que sexa un vehículo para coñecer a mulleres sen que a sociedade non sería a mesma, puxeron unha pedra enorme para esta sociedade actual”. “Sempre a admirei moito a Juana de Vega –destacou- e amais desde Areeiro tivemos unha gran colaboración coa fundación, que nos apoiou moito, a través de proxectos como o que desenvolvemos entre 2007 e 2010 sobre o kiwi”. “Juana de Vega foi muller nun momento difícil –indicou-. Dedicouse ás labores benéficas, e ela dicía que a beneficencia tiña que ser unha cousa natural, e non agradecela. E que a muller tiña que levar estes actos”. Lembrou tamén a súa relación con Concepción Arenal, así como o seu labor na creación de escolas como a dos xornaleiros do agro que hoxe ten o seu legado na Fundación Juana de Vega, para a que ela mesma deixou instrucións para a súa creación.

Pola súa banda, Teresa Táboas, vocal do Padroado da Fundación Juana de Vega, que sigue o seu legado, amosou o seu agradecemento por pertencer e representar a esta entidade que “continúa co legado de Juana de Vega e esas mulleres que rachan cos tempos e son capaces de facer tremer os cimentos dunha sociedade aínda atrasada en comparacións con outras máis adiantadas”, como Pardo Bazán ou Concepción Arenal, “mulleres galegas que fixeron época”. Destacou, como muller, a creación do xardín no que se celebrou o acto, “porque que se estea a apostar por darlles nome a estas mulleres a través de cousas tan sensibles como unha planta, unha camelia, para que as lembremos sempre, paréceme un acto de romanticismo no século XXI, algo que transmite sensibilidade”. Concluíu destacando que a fundación seguirá a traballar e colaborar para seguir a impulsar o agro galego, seguindo a estela que iniciou De Vega, especialmente nun momento complicado como o actual: “A fundación vai estar sempre apoiando a Areeiro e a toda aquela xente que cre no agro e que outro futuro é posible para Galicia”.

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.