A Deputación e o CSIC reforzan a súa alianza para loitar contra a ‘trioza’, a praga que ataca aos cítricos

Os laboratorios do Areeiro realizarán unha cría masiva do insecto para realizar ensaios e coñecer o seu comportamento

21/08/2022

TRIOZA

A Deputación de Pontevedra en colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC)  e a empresa Koppert España, vén de revalidar o  convenio para o impulso do estudo científico que ten como obxectivo estudar o comportamento do insecto trioza eryteae ou psila africana para dar resposta e loitar contra a enfermidade da HLB (“Huanglongbing”, tamén coñecida comunmente como “enverdecemento” ou “dragón amarelo”), unha praga que está a afectar aos cítricos a nivel mundial. O Convenio fírmase ao amparo do proxecto “Horizon 2020 Preventing HBL epidemics for ensuring citrus survival in Europe”.

O estudo ten unha dobre vertente: por unha banda criarase o insecto de xeito masivo nas instalacións da finca Areeiro para realizar ensaios de laboratorio e coñecer o seu comportamento e, por outra, analizarase tanto o seu ciclo de vida como as temperaturas máximas e mínimas que soporta, coa finalidade de determinar o seu desenvolvemento, distribución, bioloxía e fenoloxía para adaptar medidas de cara ao control e contención da praga. Tamén se realizarán ensaios de preferencia a diferentes xenotipos de plantas e de eficacia con fungos entomopatóxenos desenvolvidos por Koppert que poderían matar o insecto. Trátase dunha investigación pioneira xa que, ata o momento, puxéronse en marcha programas e plans que non deron os froitos agardados. O obxectivo final do proxecto e do convenio convenio é determinar formas de previr a expansión da HBL e minimizar o seu impacto onde xa está presente a enfermidade,  que está considerada como a máis grave dos cítricos, ao comprometer a viabilidade das árbores o que  pode redundar importantes perdas económicas e o encarecemento dos produtos.

En Europa, a trioza detectouse por vez primeira no 2002 nas Illas Canarias e en territorio continental europeo en 2014 na provincia de Pontevedra. De feito foi Areeiro quen por primeira vez publicou a súa detección e dende entón a praga continúa medrando. O insecto atopou nas Rías Baixas unhas condicións climáticas axeitadas para a súa supervivencia. Así, nestes momentos, trátase dunha praga regulada pola Unión Europea. A HLB provoca a deformacións nos brotes e follas dos cítricos, coloracións variadas nas froitas e que deteriora a calidade e o sabor. Causa tamén necroses ou a debilidade da árbore, reducindo a calidade e cantidade da súa produción e chegando mesmo, en casos graves, a destruíla por completo.

As actuacións previstas neste convenio non suporán ningún tipo de contraprestación económica para a Deputación; os gastos correrán a cargo do CSIC e Koppert España e están financiados polo proxecto Horizonte 2020.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.