“Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo” lema da Deputación para conmemorar o 25N

Carmela Silva: “Este ano, cando de novo volvemos a escoitar mensaxes negacionistas, imos traballar a carón de catro grandes alianzas fundamentais, dende a comunicación, a educación, a cultura e a investigación, para transformar a sociedade”

10/11/2022

25N

Coa música de Cora Velasco, a acústica de Santa Clara, e  nun acto coral cos concellos da provincia e colectivos de mulleres, da cultura e da sociedade, a Deputación de Pontevedra vén de arrancar “Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo” a ampla programación da institución provincial para conmemorar o 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Carmela Silva foi tallante: “este ano, no que de novo volvemos a escoitar mensaxes negacionistas que afirman que non hai violencia contra as mulleres polo feito de selo, imos traballar a carón de catro grandes alianzas fundamentais, dende a comunicación, a educación, a cultura e a investigación, para transformar a sociedade, este mundo patriarcal, machista, que nos discrimina e violenta”. A presidenta estivo acompañada dos alcaldes de Pontevedra, O Grove, Poio e Tui, e de concelleiras e concelleiros de concellos como A Lama, Ribadumia, Silleda, Mos e Vilagarcía, así como de representantes de CIMs e integrantes da policía local, de asociacións de igualdade e do tecido social, educativo e cultural da provincia. No acto, no que tamén se proxectou o vídeo resumo da sétima edición de “Mulleres en acción. Violencia Zero”, escoitouse, a través da montaxe sonora “Voz colectiva”, as reivindicacións das mulleres artistas protagonistas da nova edición, centradas no poder transformador da arte para avanzar na igualdade e na loita contra as violencias machistas.

A presidenta Carmela Silva reclamou quede novo estamos no tempo de estar alerta, de ser vixiantes, porque todas as crises sempre fan que a igualdade retroceda e, esta vez, non o vai facer porque hai moitas mulleres aliadas contra as violencias machistas e as discriminacións”.  A presidenta recordou que este ano foron xa asasinadas 38 mulleres e 2 menores, que outras 26 nenas e nenos quedaron orfas/os e dende o 2003, cando se comezaron a facer estatísticas, asasináronse 1.168 mulleres. “Pensade por un minuto que acontecería se estes asasinatos foran produto doutras violencias. Seguramente a sociedade estaría nas rúas, berrando, reclamando, pero os asasinatos das mulleres están normalizados”, asegurou. Tamén tivo palabras para facer un recoñecemento aos 300 anos de historia do movemento feminista, “que nos permitiu alcanzar todos os dereitos humanos que nos corresponden”, e ao compromiso de alcaldes, alcaldesas e concelleiras e concelleiros, “por sumarse a esta reclamación que é a máis xusta que existe en calquera axenda política: a de rachar coas violencias que sufrimos as mulleres”.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reivindicou o papel da política “para cambiar as cousas e construír unha sociedade máis xusta”, resaltando e o esforzo que está a desenvolver a Deputación “para cambiar as cousas”. “Non está todo feito –remarcou - e non nos imos render para conseguir unha sociedade igualitaria”. Pola súa banda José Antonio Cacabelos, alcalde do Grove, destacou o papel desenvolvido polo feminismo e puxo o acento nas “novas ideoloxías extremistas e fascistas ante as que non podemos dar pasos cara atrás”. Tamén incidiu neste aspecto o alcalde de Poio, Luciano Sobral, que, “aínda que as cousas non están sendo fáciles”, manifestou optimismo: “estamos avanzando na construción dun mundo mellor, dando pasos cara unha sociedade igualitaria”. Finalmente o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, apelou á responsabilidade do conxunto da sociedade para “seguir loitando e rematar coa triste realidade das violencias machistas”.

Tamén interviñeron concelleiros e concelleiras da Lama, Mos,  Ribadumia, Silleda, e Vilagarcía, concellos que acollerán accións da oitava edición de “Mulleres en acción. Violencia Zero”. David Carrera, tenente de alcalde da Lama, destacou o “enfoque proactivo” do programa provincial “para reverter esta situación e rachar coa sociedade machista”. Sofía Núñez, concelleira de Ribadumia, manifestou o seu desexo de “non ter que celebrar máis 25N” e destacou o compromiso do goberno local da vila coa igualdade. Pola súa banda Ángela Troitiño, concelleira en Silleda, cualificou á violencia machista como “unha pandemia” que está a “deixar no camiño a vida de moitas mulleres, nenas e nenos. Estamos cansas. Non queremos violencia, o noso obxectivo é a igualdade”. A concelleira de Política Social de Mos, Sara Cebreiro, felicitou á Deputación polo programa “Mulleres en acción. Violencia Zero” co que sempre colabora o seu goberno local. “Estamos encantadas de acoller accións desta iniciativa que pon o aceno nunha problemática tan tremenda, con datos arrepiantes”. Finalmente a primeira tenente de Alcaldía de Vilagarcía, Tania García, enxalzou as políticas de igualdade impulsadas pola institución e destacou o papel das artistas que participan “para mover conciencias e como motores do cambio para conseguir unha sociedade igualitaria”.

“Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo”

“Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo” dá cobertura a unha completa axenda de actividades que van máis alá do propio 25N, cando terá lugar a lectura da declaración institucional e o arranque da oitava edición de “Mulleres en acción. Violencia Zero”. “Trátase –asegurou a presidenta- do noso proxecto estrela de loita contra as violencias machistas, que este ano vertebrarase a carón do lema “Artistas aliadas. Mulleres aliadas” porque estamos tecendo redes coa cultura como arma en prol dunha sociedade máis xusta e contra as violencias machistas”. O tiro de saída do programa, que percorrerá no que queda de ano e durante o 2023 25 concellos da provincia a través de 25 accións artísticas lideradas por 35 mulleres artistas, terá lugar o día 25N no Pazo Provincial en Pontevedra ás 10 da mañá con “Corpos de abismos”, a cargo da compañía “Duelirium” que porá en marcha un espectáculo con acrobacias para representar “a caída aos abismos que sufrimos as mulleres”. Ese mesmo día, ás 18.00 horas no MARCO de Vigo terá lugar a outra acción inaugural a cargo de Iria Sobrado, Ana Gesto e Elena Salgueiro que farán con “Canon circular” unha performance para “afondar en rituais antropolóxicos que visualizan as violencias machistas. Amais de “Mulleres en acción. Violencia Zero”, a presidenta da Deputación tamén explicou ao detalle as catro alianzas a carón das que se vai vertebrar o programa, centradas na comunicación, na educación, na cultura e na investigación e no coñecemento.

Así, no marco das alianzas dende a comunicación a presidenta informou que o 18 de novembro despregaranse as lonas co lema “Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo” nas fachadas das sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo. Xa o 25 de novembro, que coincide ademais coa celebración do pleno ordinario da institución, terá lugar a declaración institucional que será redactada e lida por Azucena Arias, “unha muller da educación e da universidade”.

En canto ás alianzas dende a educación a presidenta explicou que durante o mes de novembro estase xa a desenvolver o curso online no marco da Escola de Igualdade María Vinyals, coordinado por Rosa Cobo, con temáticas centradas na axenda política feminista. Tamén entre novembro e decembro a Deputación ten en marcha a segunda edición do ciclo “Canteira de Igualdade” en centros de secundaria da provincia. Ademais, este mes vaise presentar un proxecto con financiación europea “moi novidoso”, un videoxogo que pretende ser “unha ferramenta educativa para promover a igualdade, implicando á mocidade no cambio”, e xa cara o Nadal impulsarase a campaña para a adquisición do xoguete non sexista e non violento.

Pola súa banda enmarcadas nas alianzas dende a cultura a presidenta situou ao encontro de mulleres da escrita que terá lugar mañá, 11 de novembro, na sede da Deputación en Vigo, e que o 21 terá lugar a mostra “Dende a fenda. Prácticas artísticas e feministas en Galicia”, para reclamar a posición das mulleres na cultura. Ademais, ata o 24 de novembro estase a desenvolver o ciclo “Cinema mulleres” e a finais de mes terá lugar no Culturgal unha das acción de “Violencia Zero”.

Finalmente, no marco das alianzas dende a investigación e coñecemento, a presidenta explicou que ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 este mes de novembro estanse a desenvolver diferentes actividades entre as que se inclúe a presentación do  Informe “Stop Machitroles”.

Galerias de imagenes

videos