A Deputacion pecha a exposición “Dende a Fenda” cun berro das mulleres da arte para ocupar máis espazo profesional e maior visibilización

Xornada reivindicativa na sede provincial no Casco Vello na que oito artistas denunciaron a diferencia de trato, oportunidades e presenza nos espazos artísticos profesionais, nos que as mulleres seguen a estar relegadas

12/01/2023

Peche da exposición “Dende a Fenda”

A pregunta “Onde estamos as mulleres na arte?” foi esta tarde o punto de partida para que oito expertas reflexionasen da man da Deputación sobre a brecha de xénero que segue a marcar este eido cultural e supuxo todo un berro reivindicativo e de denuncia da situación de desigualdade que aínda sofren as mulleres na arte, onde a pesar de constituír xa un 70% do alumnado nas facultades de Belas Artes seguen “sen ocupar posteriormente o espazo profesional que merecen”. A sede provincial en Vigo acolleu esta xornada coa presenza da presidenta provincial Carmela Silva e de relevantes mulleres da arte como Sara Donoso, Encarna Lago, Anxela Caramés, Asunta Rodríguez, Almudena Fernández Fariña,  Mar Caldas, Amaya González Reyes e Xisela Franco. A xornada serviu, amais, de colofón para a mostra Dende a Fenda. Prácticas artísticas e feministas en Galicia”, que finalizará este vindeiro domingo despois de dous meses expoñendo a obra de dez das máis destacadas artistas galegas. A cita contou coa asistencia de numerosas asociacións da cultura da cidade e coa actuación de música e danza do Ensamble Verxel.

Na apertura Carmela Silva reclamou a necesidade de seguir a visibilizar o importante papel que están a xogar as mulleres da arte “na revolución cultural que vive Galicia” e puxo enriba da mesa a necesidade de seguir amosando o papel da muller con accións como este debate e a exposición “Dende a Fenda”. “As estatísticas, dixo, seguen revelando un mundo de desigualdade, como ocorre en todos os ámbitos e, a pesar de que a situación ten mellorado, as mulleres seguimos sen ter a representación que nos pertence en museos, galerías ou en eventos como as feiras artísticas e mesmo as obras realizadas por mulleres seguen sen ter unha cotización igual ás dos homes”. “Sempre fago referencia –apuntou Carmela Silva- ao poder transformador que ten a cultura para mudar as cousas e desde a Deputación seguiremos a promover accións para visibilizar o innegable papel que tiveron e teñen as mulleres na arte. Neste século XXI xa non podemos seguir falando de que se está a perder a metade do talento do mundo”. A presidenta puxo tamén en valor o papel da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, á que están vinculadas ás artistas de  “Dende a Fenda”, e avogou por establecer “alianzas dende o feminismo” para acadar a meta da igualdade.     

A primeira das mesas tratou a situación das artistas nos museos e estivo moderada pola comisaria e xestora cultural Sara Donoso, quen subliñou que "as mulleres estamos presentes no panorama cultural como creadoras e  impulsoras deste ecosistema, xa sexa como xestoras, comisarias, galeristas ou artistas e por iso hai que incidir en visibilizar o noso traballo a fin de mudar as estatísticas”. Pola súa banda, Encarna Lago falou da súa experiencia na Rede Museística Provincial de Lugo, que definiu como “unha rede ecofeminista” que constitúe un referente internacional polas súas boas prácticas en museoloxía social, inclusión, igualdade, accesibilidade e sustentabilidade. “Non foi un camiño doado nin curto, foi un camiño de equipo e de equipos. Unha rede formada por catro museos e xestionada por mulleres que leva 24 anos incorporando a perspectiva interseccional como forma de abordar os eixes das desigualdades dende o feminismo. Moitos anos de xestión implementando con luces e sombras un ‘Plan de xénero, museos arte e educación’ coa complicidade comunitaria. Hoxe por fin podemos dicir que en tres dos catro museos da RMPL (Museo Pazo de Tor, Museo Provincial do Mar e Museo de San Paio de Narla)  cómprese ao 100% a Lei de Igualdade e o Plan de Xénero está implementado”.

Pola súa banda, a crítica e comisaria Anxela Caramés incidiu en que ”as exposicións contribúen a visibilizar as aportacións das mulleres artistas e consolidan a súa presenza nun sistema da arte que continúa a ser desigual e patriarcal” e sinalou que nos seus proxectos como comisaria defende “a importancia da creación de referentes visuais propios como impulsores de cambios políticos e sociais”. Para a directora da Galería Trinta, Asunta Rodríguez, “ser muller, hoxe, non pode supoñer un problema, cando menos en Occidente. A igualdade é un dos atributos da liberdade”, polo que preguntou: ‘“É falso que somos libres, que somos igual de libres?".

A segunda mesa abordou  a problemática da saída profesional das mulleres tras rematar a súa formación. Foi moderada pola profesora e artista Almudena Fernández Fariña, quen lembrou que nas facultades de Belas Artes o 70% do alumnado son mulleres, “sen embargo, na práctica profesional da arte representan un 30%”. Os datos “evidencian que as artistas non teñen as mesmas oportunidades para crear, producir, expoñer e difundir as súas obras en condicións de igualdade. Non só estamos perdendo un enorme capital cultural e humano; é que non é posible construír unha verdadeira cultura sen integrar os relatos, saberes, prácticas e visións do mundo da metade da poboación que conforma unha comunidade”.

Xunto a ela interviñeron tres das artistas e docentes da mostra “Dende a Fenda”. Mar Caldas apuntou que na arte “existen aspectos estruturais que dificultan a igualdade entre os xéneros” e que a lei de Igualdade “segue sen cumprirse”. “Aínda que se  observan cambios,  continuamente ameaza a regresión”, advertiu. Amaya González Reyes lembrou que creceu co pensamento de que a igualdade “era unha cuestión de respecto polas diferencias entre as persoas, sen mais, e así, con total inxenuidade, ficaba feliz, allea aos problemas reais que ían mais aló da teoría, porque non os tiña experimentado nin interiorizados. Co tempo, miras todo con outra perspectiva”. E Xisela Franco apuntou que “o cinema artístico galego posúe unhas características determinadas que o definen como movemento cinematográfico”. “Trátase –dixo- dun fenómeno único que ten lazos innegables co discurso feminista. Un cinema alternativo, identitario, que se levantou contra o sistema anterior industrial e patriarcal. Son moitísimas as mulleres directoras que están aportando miradas diversas e construíndo un novo cinema galego, inclusivo, valente, arriscado, e renovador. Son moitos os festivais, proxectos, que mostran unha sensibilidade feminista e ofrecen espazos para que as novas xeracións se inscriban neste contexto en efervescencia”.

Exposición “Dende a Fenda”

Despois desta xornada, “Dende a Fendaaínda estará aberta ata o 15 de xaneiro para amosar a arte feita “desde as trincheiras do feminismo e o activismo social” a través das máis de 30 pezas que amosan Mar Caldas, Amaya González Reyes, Itziar Ezquieta, Xisela Franco, Rebeca Lar, Chelo Matesanz, Mery Pais, Mar Ramón, Nuria Ruibal e Neves Seara, todas unidas pola súa conexión coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra como alumnas ou docentes, e que ocupan as dúas salas Maruja Mallo e Rosalía de Castro da sede de Vigo no marco da programación do 25N.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.