Que aconteceu en Santa Clara durante o franquismo?

O doutor Xurxo Ayán falará este martes (19.30h) da historia das monxas nas épocas Moderna e Contemporánea e amosará ‘in situ’ elementos singulares atopados nas escavacións que aínda non foran dados a coñecer

12/12/2022

Que foi do convento de Santa Clara durante a Guerra Civil e o Franquismo, que axudas que recibiu do Gobernador Civil e do alcalde Filgueira Valverde, ou cal foi o papel do nacionalcatolicismo no seu vencello ideolóxico serán algunhas das cuestións que se abordarán na sexta charla sobre as Clarisas organizada pola Deputación de Pontevedra.

Nesta ocasión o relatorio ‘Conferencia (case) de clausura’ (19.30h) correrá a cargo do doutor Xurxo Ayán, quen define a súa intervención “como unha desas bolsas sorpresa que había nos quioscos con moitas cousas distintas” e anuncia varias novidades e obxectos que amosará ‘in situ’ e que chamarán a atención das persoas asistentes.

Segundo adiantou o conferenciante, a charla pretende abordar que aconteceu no convento nos séculos XIX e XX. Como punto de partida falará do proceso de conformación da identidade das monxas clarisas, dende que entraban de novicias no convento ata que morrían, e como a arquitectura, os obxectos, a cultura material foron as ferramentas fundamentais para disciplinar e para xerar a identidade da clausura.

Outro aspecto no que se centrará é a importancia dos conflitos na Idade Moderna e Contemporánea, xa que o convento das Clarisas pasou momentos importantes que non foron moi estudados, por exemplo as invasións inglesas, cando as monxas marcharon para Santiago, ou o impacto da francesada, a propia Guerra da Independencia. “Imos abordar unha serie de obxectos que foron bastante esquecidos, por exemplo os exvotos que había no retablo da Virxe dos Desamparados, onde había incluso goletas da mariña española do século XIX vencelladas a Méndez Núñez”, adianta Ayán.

O experto falará tamén de como o nacionalcatolicismo axuda a explicar en gran medida o vencello ideolóxico ao propio convento e o seu papel na sociedade do XIX e o XX. Nese contexto, explicará a orixe dalgúns elementos atopados nas escavacións que ata o de agora non se deran aínda a coñecer, e que serán expostos na propia igrexa.

Finalizará a intervención, coincidindo coa semifinal de Arxentina-Croacia no contexto do Mundial de fútbol, co tema dos balóns acababan nas hortas e que as monxas foron gardando nos últimos anos, así como co seu análise de como eses obxectos contemporáneos “permiten falar do local ao global, do capitalismo, e de como a través das tipoloxías dos balóns podemos ver claramente unha sociedade de clases nunha contorna que é a dun colexio público como o de Barcelos”, apuntou o experto.

Por outra parte, o ciclo de charlas finalizará o mércores ás 19.30h co sétimo relatorio do ciclo organizado co gallo do aniversario da compra do convento. A intervención correrá a cargo das doutoras María Martínez e Carmen Salinero, que falarán das ‘Plantas no pasado e no presente do convento de Santa Clara’.

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 25 resultados.