A Deputación pon punto final ao programa “Depoforest” de xestión forestal para facer fronte ao reto demográfico

O proxecto está cofinanciado pola Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo dentro do Programa Empleaverde

15/02/2023

A Deputación de Pontevedra vén de finalizar o proxecto “Depoforest”, de Xestión integral e aproveitamento de piñeirais no marco do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), dentro da liña Crea, cuxa finalidade é a realización de proxectos de formación, asesoramento e innovación social dirixidos a persoas desempregadas.

Depoforest” tiña como obxectivo introducir, a través da formación, os coñecementos necesarios para realizar unha boa xestión forestal, non só para obter maior beneficio, senón para introducir outras actividades económicas que poidan ser fontes de ingresos complementarios, facendo fronte ao reto demográfico e ao despoboamento territorial. Desta maneira, desenvolvéronse sete cursos de formación nas provincias de Pontevedra, en concreto no Rosal, Moaña, Caldas de Reis, A Cañiza e Portas, e León (Luyego e Brañuelas), aumentando as competencias e cualificacións das persoas participantes e facilitando o acceso das mesmas ao mercado laboral no sector forestal.