Esgotadas as 200 prazas da ruta “Depo Orienta” que se desenvolverá no Monte Aloia en Tui o 16 de xullo

No vindeiro mes de xullo abriranse as inscricións para a seguinte proba polo Monte Vixiador en Redondela e en setembro as da que terá lugar na Illa de Arousa

13/06/2023

As 200 prazas para a primeira das rutas do programa Depo Orienta da Deputación, que transcorrerá o 16 de xullo polo Monte Aloia de Tui, xa están esgotadas e hai amais unha ampla lista de agarda para o caso en que se produzan baixas. Esta iniciativa, que abre a posibilidade de experimentar o deporte da orientación en diferentes paraxes para gozar da natureza, enmárcase no programa “Depo Actívate”, co que a institución provincial agrupa cada ano todas as súas actividades encamiñadas a fomentar o deporte e o turismo deportivo e a difundir o patrimonio natural e cultural da provincia de Pontevedra.

Nestas rutas de orientación poden participar persoas, grupos de amigas e amigos ou familias de calquera idade que se consideren aptas para levar a cabo a actividade. A modalidade deportiva consiste en que a persoa participante realice, no menor tempo posible e contra o reloxo, un percorrido marcado no terreo por puntos de control, coa única axuda dun mapa no que se representan estes puntos. Esta primeira actividade realizarase no Monte Aloia de Tui, declarado parque natural, que conta con seis miradoiros e extraordinarias vistas sobre o río Miño. Este espazo singular está cheo de restos prehistóricos e romanos, e a súa historia inclúe distintas lendas, o que o converte nun lugar único para desfrutar desta experiencia.

O día da proba, as e os participantes deberán desprazarse ao punto de partida da actividade (en Casas Novas-Tui), onde recibirán información sobre o funcionamento do programa e se lles entregarán os mapas e o material necesario para levala a cabo. A actividade poderase realizar de forma individual ou por equipos e hai tres categorías segundo a dificultade: Xestiñas (para nenas e nenos acompañados dunha persoa adulta e duns 2 km de distancia), Xestas (para nenas e nenos maiores ou persoas adultas e poderase participar de xeito individual ou en grupo, cun percorrido duns 3 km de distancia) e Xesteiras (para nenas, nenos ou persoas adultas con coñecementos de orientación; poderase participar de xeito individual ou en grupo e cuns 4 km de distancia).

As outras dúas rutas de “Depo Orienta” desenvolveranse polo Monte Vixiador (Redondela) o 17 de setembro e na Illa de Arousa o 15 de outubro e tamén contan con 200 prazas cada unha. No primeiro caso, as inscricións abriranse o 17 de xullo, mentres que no segundo será o 18 de setembro. As persoas interesadas deberán cubrir o formulario que atoparán na web provincial (www.depo.es).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.