Esgotadas as prazas para as oito rutas do programa provincial “Bosques Terapéuticos” previstas en xuño

A Illa de Tambo volveu ser o itinerario máis solicitado entre os sete espazos naturais onde se desenvolverán os percorridos, con máis de 200 peticións

22/05/2023

Bosque Terapeuticos

En dúas horas esgotáronse na mañá deste luns as 120 prazas para as oito rutas do programa provincial “Bosques Terapéuticos” previstas para o vindeiro mes de xuño, que se desenvolverán por sete espazos naturais da provincia: a Carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade), a Fervenza do Toxa (Silleda), a Ruta da Pedra e da Auga (Meis), a contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro), o Lago de Castiñeiras (Vilaboa-Marín), o Río Eifonso (Vigo) e a Carballeira da Illa de Tambo (Poio). Precisamente, este último itinerario volveu ser o máis demandado e recibiu máis de 200 peticións, sendo o primeiro no que se pecharon as inscricións.

Os baños de bosque de xuño comezarán o día 3 de xuño pola Carballeira de San Xusto, ata onde se desprazarán tamén o día 18. O 4 de xuño o programa continuará na Fervenza da Toxa e o día 10 pola Ruta da Pedra e da Auga.  O domingo 11 recalará na contorna da Ponte Colgante do Lérez, o 17 no Lago Castiñeiras, o 24 no Río Eifonso e, finalmente, rematará a programación do mes de xuño o día 25 na carballeira da Illa de Tambo.

Os “Bosques Terapéuticos” continuarán en xullo con tres rutas pola Fervenza do Toxa os días 1, 16 e 30; dúas pola Illa de Tambo (2 e 22); e unha no Lago de Castiñeiras (día 8); tamén pola Carballeira de San Xusto (día 9), o Río Eifonso (día 15), a Ruta da Pedra e da Auga (día 23) e o Ponte Colgante do Lérez (29). Para estes itinerarios, a inscrición abrirase o 12 de xuño, ás 9 horas, a través do formulario que as persoas interesadas poderán atopar na web da Deputación (www.depo.gal).  Posteriormente, o programa rematará en agosto na Ruta da Pedra e da Auga o día 5; na Illa de Tambo o 6; no Lago de Castiñeiras o día 12; na carballeira de San Xusto o día 13; no Río Eifonso o día 19 e no Ponte Colgante do Lérez o día 20. Para estas rutas a inscrición abrirase o día 17 de xullo.

Galerias de imagenes

Mostrando el intervalo 1 - 3 de 24 resultados.