“Bosques Terapéuticos” chega esta fin de semana á ponte colgante do Lérez e á fervenza do Toxa

O programa permitirá desfrutar dunha experiencia baseada na terapia xaponesa “shinrin yoku”, mesturando natureza, cultura, historia e saúde en Cerded0-Cotobade e Silleda

27/07/2023

O programa “Bosques terapéuticos”, co que a Deputación de Pontevedra promove actividades baseadas na terapia oriental shinrin yoku ou “baño de bosque”, chega esta fin de semana aos concellos de Cerdedo-Cotobade e Silleda con dúas novas rutas, nas que se mestura natureza, cultura, historia e saúde. O sábado 29 de xullo realizarase un percorrido pola contorna da ponte colgante do Lérez e o domingo 30 de xullo, pola fervenza do Toxa.

O itinerario da ponte colgante do Lérez, de 2,5 quilómetros de lonxitude, desenvólvese por un espazo natural e histórico cheo de lugares nos que gozar dos baños de bosque. Ademais, este posúe unha das concentracións de petróglifos da Idade de Bronce máis asombrosa de Europa.  O espazo natural conta con coñecidos coutos pesqueiros do río e algúns afluentes coma o Almofrei. Ademais, neste val, incluído na Rede Natura 2000, existen numerosas áreas recreativas fluviais e traxectos por paisaxes de pontes e muíños.

Por outra banda,  a ruta pola fervenza do Toxa, que pasa pola parroquia de Pazos, en Silleda, amosa unha contorna de gran beleza na que a vexetación, a rocha e a auga se funden para acadar unha obra mestra da natureza. Os 30 metros de caída do río Toxa complétase cun bosque de carballos, castiñeiros, sobreiras e decenas de especies máis.

Ao longo do mes de agosto terán lugar as últimas rutas deste ano do programa “Bosques terapéuticos”, todas elas con prazas esgotadas. Comezarán o día 5 de agosto pola Ruta da Pedra e da Auga e continuarán o 6 pola illa de Tambo, o 12 polo lago Castiñeiras, o 13 na carballeira de San Xusto, o 19 polo río Eifonso e, para finalizar, o domingo 20 de agosto, pola ponte colgante do Lérez.

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 23 resultados.