Bosques terapéuticos” percorre esta fin de semana a illa de Tambo e a ruta da Pedra e da Auga

O programa permitirá desfrutar dunha experiencia única baseada na terapia xaponesa “shinrin yoku”, mesturando natureza, cultura, historia e saúde en Meis e en Poio

03/08/2023

O programa “Bosques Terapéuticos”, co que a Deputación de Pontevedra está a promover actividades baseadas na terapia oriental shinrin yoku ou “baño de bosque”, chega esta fin de semana aos concellos de Poio e Meis con dúas novas rutas nas que se mesturan natureza, cultura, historia e saúde. Este sábado e domingo, 5 e 6 de agosto, as actividades desenvolveranse na ruta da Pedra e da Auga e na Illa de Tambo.

A Ruta da Pedra e da Auga é unha das sendas máis visitadas das Rías Baixas e será o escenario da actividade organizada este sábado. A ruta descorre polos concellos de Meis e Ribadumia, na contorna do río Armenteira, e conta cunha ampla representación da flora autóctona ao longo do seu percorrido. Ademais das especies vexetais, as persoas participantes tamén terán a oportunidade de ver os muíños e o mosteiro de Armenteira e de coñecer a lenda de Santo Ero.

O itinerario que se desenvolverá este domingo 6 de agosto na Illa de Tambo, de 2,5 quilómetros de lonxitude, permitirá coñecer a fondo este enclave natural e histórico de gran relevancia situado na ría de Pontevedra. A illa ten 28 hectáreas de superficie e alcanza unha altitude de 80 metros, e nela localízanse elementos naturais como a praia Area Grande ou un sistema de dunas, ademais de construcións singulares como os taffonis, o faro, o lazareto, o albergue, o polvorín ou os peiraos.

“Bosques Terapéuticos” encara a súa recta final as dúas próximas fins de semana con rutas programadas o 12 de agosto no Lago de Castiñeiras, o 13 de agosto na Carballeira de San Xusto, o 19 no Río Eifonso e o 20 de agosto na ponte colgante do Lérez. Esta última pecha o calendario de baños de bosque do ano con grande éxito, tras ter esgotado todas as prazas dispoñibles (15 por sesión) en cuestión de horas.

 

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.