Esgotadas as 90 prazas das seis últimas rutas dos Bosques Terapéuticos que terán lugar durante o mes de agosto

Os percorridos desenvolveranse polos espazos da Ruta da Pedra e da Auga, a Illa de Tambo, o Lago de Castiñeiras, a Carballeira de San Xusto, o Río Eifonso e a Ponte Colgante do Lérez

17/07/2023

En tan só unha hora esgotáronse as 90 prazas para as seis últimas rutas coas que contará o programa da Deputación Bosques Terapéuticos no 2023 e que terán lugar o vindeiro mes de agosto por seis espazos naturais da provincia. Novamente o percorrido pola Illa de Tambo volveu ser a opción máis demandada, cubríndose a totalidade das prazas ofertadas para este itinerario en cuestión de minutos.

Os últimos baños de bosque, unha experiencia que mestura natureza, exercicio, cultura, historia e saúde, terán lugar pola Ruta da Pedra e da Auga (5 de agosto), a Illa de Tambo (día 6), o Lago de Castiñeiras (día 12), a Carballeira de San Xusto (día 13) e o Río Eifonso (día 19) para finalizar, o domingo 20 de agosto, cun percorrido pola Ponte Colgante do Lérez. Nestes seis espazos naturais desenvolverase esta actividade integral e participativa na que se prima o contacto co medio natural.

Os Bosques Terapéuticos están baseados na terapia oriental shinrin yoku (baño de bosque), que ten demostrado ser beneficiosa para a saúde. Deste xeito, e a través do contacto coa natureza, as rutas permiten ás persoas participantes relaxar a mente e reducir o nivel de tensión, sempre coa premisa da conservación da contorna medioambiental.

Galerias de imaxes

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 24 resultados.