Esgotadas as prazas para a cata no castelo de Soutomaior coa que a Deputación se suma este domingo ao Día Mundial do Enoturismo

A cata, á que asistirá o presidente da Deputación provincial, Luis López, estará conducida polo sommelier Nacho Costoya e incluirá unha degustación de produtos e unha actuación musical

09/11/2023

A novena edición da Cata Amateur, coa que a Deputación de Pontevedra e a Ruta do Viño Rías Baixas celebrarán este próximo domingo 12 de novembro o Día Mundial do Enoturismo no castelo de Soutomaior, tivo unha excepcional acollida e xa esgotou as súas cen prazas. Con este evento, ao que asistirán o presidente provincial, Luis López, e a deputada de Turismo, Nava Castro, a institución provincial busca promocionar os viños e o produto turístico relacionado co sector vitivinícola na provincia.

Na cata, que estará amenizada coa música en directo de Dani Barreiro & Friends e será conducida polo prestixioso sommelier Nacho Costoya, daranse a coñecer cinco viños da D. O. Rías Baixas, harmonizados con conservas galegas. A degustación terá lugar entre as 11:00 e as 14:00 horas e as persoas asistentes poderán visitar libremente o castelo a partir das 13:00 horas. Ademais, a cita contará cun concurso dirixido ao público asistente, que deberá acertar a combinación de viños na fase de cata a cegas.  

O Día Mundial do Enoturismo está promovido pola Rede Europea de Cidades do Viño (RECEVIN), co obxectivo de potenciar o turismo relacionado co viño e a promoción das zonas vinícolas como estruturadoras de territorios rurais e xeradores de riqueza económica, cultural e patrimonial. Celébrase todos os anos o segundo domingo de novembro e durante esta xornada teñen lugar diferentes actividades festivas e culturais en toda Europa.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.