Luis López destaca o labor de Castes para promover o viño e o enoturismo da provincia na Feira Independente do Viño
O presidente da Deputación de Pontevedra reafirmou a aposta do organismo provincial polo turismo na súa participación na gala de entrega de premios Castes do Viño 2023, realizada este sábado na praza de abastos de Vilagarcía de Arousa
18/11/2023
. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou este sábado, na gala de entrega de premios Castes do Viño 2023, incluída no programa de actos da Feira Independente do Viño que se celebra na praza de abastos do Concello de Vilagarcía de Arousa, o labor que realiza esta entidade en prol da promoción do viño e do enoturismo na provincia de Pontevedra. Trátase dunha feira consolidada que sitúa a Vilagarcía de Arousa como punto de encontro para as e os amantes do viño e produtoras e produtores de dentro e fóra das nosas fronteiras.
Segundo remarcou López, o turismo é unha das apostas estratéxicas do Goberno provincial. Así se reflicte no recentemente aprobado Orzamento da Deputación, no que a partida destinada a esta área medra ata os 5,6 millóns de euros. Neste sentido, Luis López afirmou que o enoturismo é un dos piares que se deben potenciar para que o destino Rías Baixas vaia a máis. “Hai moito do que gozar nas Rías Baixas, pero, sen dúbida, o viño é do mellor que lles podemos ofrecer aos nosos visitantes. E non falamos só dunha botella, falamos dunha experiencia. De coñecer os nosos viñedos de cepas centenarias e a ampla variedade de uvas, de descubrir as nosas bodegas, de coñecer os nosos produtores que durante xeracións producían un viño artesanal e, en definitiva, de gozar da nosa gastronomía regada cos nosos viños”, remarcou o dirixente provincial.
Para conseguir ese obxectivo de potenciar un turismo sostible e desestacionalizado na provincia de Pontevedra, López recordou que a Deputación traballa na aprobación do Plan estratéxico de turismo, que os datos chegarán ao Observatorio de Turismo en tempo real co selo de calidade das e dos técnicos de Turismo Rías Baixas e a oficialidade estatística do Instituto Nacional de Estatística, e que a cooperación coas entidades e profesionais do sector será unha constante.
Por último, López sinalou que o turismo de Pontevedra aínda pode a ir a máis de tender pontes co tecido empresarial e asociativo, coas administracións e co resto do mundo a partir da divulgación dos mellores produtos da provincia.