Máis de 200 persoas gozarán desde este domingo do programa de termalismo da Deputación

Unhas 150 persoas comezan o domingo a súa estancia en establecementos termais da provincia na modalidade de pernoctación, mentres que o luns serán máis de 80 as que comezarán a gozar da modalidade diúrna de “Depotermal”

21/10/2023

Un total de 235 persoas maiores de 50 anos gozarán entre este domingo día 22 e o 27 de outubro do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías en cinco complexos hoteleiros  termais da provincia. Durante a súa estancia poderán facer uso das instalacións de termalismo dos establecementos, así como participar noutras actividades artísticas, deportivas, formativas, sociais ou turísticas.

Deste xeito, o domingo tres grupos comezan as estadías con pernoctación, tres grupos. Por unha banda, 47 veciñas e veciños dos concellos de Pontevedra, Redondela, Tomiño, Tui e Vigo gozarán dunha estancia de seis días e cinco noites no Hotel Carlos I de Silgar, en Sanxenxo. Por outra banda, 71 persoas da Estrada, Arbo, Baiona, Bueu, Cangas, Marín, Mos, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Redondela e Vigo dirixiranse ao mesmo municipio, neste caso ao Hotel SPA Galatea. E, por último, este domingo tamén iniciarán a súa estancia, neste caso no Gran Talaso Hotel Sanxenxo, 33 veciñas e veciños de Baiona, Marín, Mos, As Neves, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Vigo, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.

No relativo ás saídas diúrnas, 40 persoas dos concellos da Estrada e Lalín desprazaranse ao Hotel Termas de Cuntis todos os días desde o luns 23 de outubro ata o venres 27, mentres que 44 persoas de Covelo, Mondariz, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui farán o mesmo no Balneario de Mondariz.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65 % ou que acrediten un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles ás veciñas e aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, ao impulsar a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a cal as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoctación, a través da cal se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 a asistencia con aloxamento.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 13 resultados.