O programa “Depo_Auga” pecha esta fin de semana cunha ruta circular en padelsurf e caiac pola Ría de Vigo e a Illa de San Simón
Antes do seu paso pola ría viguesa o programa provincial recalou na illa de Tambo (Poio) e nas salinas do Ulló (Vilaboa). En total sumáronse a esta iniciativa deportiva preto de 100 persoas
27/07/2023
O programa provincial “Depo_Auga”, co que a Deputación de Pontevedra oferta actividades de padelsurf e caiac en contornas de ríos e rías da provincia, pecha esta fin de semana no concello de Redondela, con percorridos pola ría de Vigo e a illa de San Simón, os días 29 e 30 de xullo. A actividade consistirá nunha ruta circular, de aproximadamente 4 quilómetros, na que se poderá ver o monumento ao capitán Nemo, as illas de San Simón e Santo Antón, e fotografar a ponte de Rande desde unha perspectiva única.
O ruta, dunha hora de duración, partirá da praia de Cesantes, en Redondela, e percorrerá a enseada de San Simón, situada na ría de Vigo e pertencente á Rede Natura 2000, importante pola súa biodiversidade, debido á gran presenza de bivalvos e numerosas especies de aves. Ao longo da fin de semana daranse cita 32 persoas, que se repartirán en 4 quendas: dúas o sábado e outras tantas na xornada do domingo.
Esta é a terceira e última das saídas de “Depo_Auga”, programa que se enmarca dentro de “Depo_Actívate”, no calendario de actividades deportivas que organiza a Deputación ata o mes de outubro para dinamizar, fomentar e promover o deporte, así como transmitir valores e hábitos saudables a través da actividade física. Antes desta ruta desenvolvéronse outras dúas: unha pola illa de Tambo, no mes de xuño, e outra polo río Verdugo e as Salinas do Ulló, a principios deste mes, nas que participaron ata 64 persoas.