O indie-folk do belga A Singer of Songs soará na igrexa do convento de Santa Clara o venres 6 de outubro

O concerto, organizado polo Museo de Pontevedra, terá lugar o venres 6 de outubro, ás 19:30 horas, con acceso limitado e reserva de prazas.

19/09/2023

A Singer of Songs

O Museo de Pontevedra organiza un novo concerto na igrexa do convento de Santa Clara. O venres 6 de outubro, ás 19:30 horas, A Singer of Songs interpretará a súa música en directo para presentar o seu primeiro libro, Dulce derrota. A Singer of Songs é o alter ego de Lieven Scheerlinck, un belga que vive en Barcelona desde hai máis de vinte anos. Desde 2008 publicou seis álbums de estudo e dous EP colaborativos con Tiny Ruins e Withered Hand. A prensa comparou as súas cancións con Sparklehorse, Iron & Wine, Vic Chesnutt e “folerpas caendo a cámara lenta”.

O concerto é de balde e ten acceso limitado, polo que é necesario reservar praza previamente a través de reservas.museo@depo.gal antes do 6 de outubro ás 14:00 h. Cada persoa pode reservar ata dúas prazas e é necesario indicar un número de teléfono.

Lieven Scheerlinck publicou esta primavera o seu primeiro libro, titulado Dulce derrota e editado polo selo discográfico Son Canciones, do que é cofundador. Co alias A Singer of Songs, pasou doce anos publicando cancións e xirando por salas de España, Europa e América. En 2020 decidiu deixar a guitarra e coller o bolígrafo; empezou a anotar algunhas das historias que contaba desde os escenarios, ata que se decatou de que estaba escribindo un libro. O concerto supón a presentación do seu debut literario en Pontevedra, cidade á que o unen lazos afectivos.

O artista define así o seu directo: “Podes esperar un concerto, pero tamén moitas historias sacadas das duascentas páxinas do libro. Historias sobre música, claro, pero tamén sobre empezar de cero en Barcelona e ser pai de acollida. Sobre como todos somos a promesa de algo nalgún momento, para deixar de selo en calquera outro. Sobre a acne e Romario, The Final Countdown e Chernóbil. Pero en primeiro lugar, sobre perder: no amor, no sexo, na alfombra vermella, no xornalismo, na pista de tenis, nos concursos de playback… e na música. E tamén sobre como, cando aprendas a vivir coa derrota, xa nunca máis serás derrotado”.  

Galerias de imagenes