Rafa Domínguez anuncia que o novo proxecto de Santa Clara poñerá en valor o recinto como “parte fundamental do Museo” e salvagardará os seus xardíns centenarios

“Santa Clara non pode ser un almacén de restos arqueolóxicos e non podemos permitir a destrución dos xardíns centenarios”, detallou o vicepresidente provincial

03/10/2023

Rafa Domínguez

Tras estudar “en profundidade” o proxecto que o anterior Goberno ideara para Santa Clara e se temos en conta “a importancia que ten para o Museo de Pontevedra e para a cidade as actuacións que aquí se van realizar”, o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, anuncia que haberá un novo proxecto para Santa Clara. Fronte ao anterior, que convertería o convento nun laboratorio e almacén de restos arqueolóxicos aberto para profesionais, o novo pretende impulsar o recinto como espazo museístico e parte fundamental do Museo de Pontevedra, aberto á cidadanía, que conserve e incorpore “para toda a cidade” os xardíns que “levan máis de 400 anos pechados”. “Santa Clara ―detallou o vicepresidente provincial― non pode ser un almacén de restos arqueolóxicos e non podemos permitir a destrución dos xardíns centenarios, tal e como recollía o anterior proxecto”.

“É o noso compromiso manter todos os acordos asinados entre o Concello de Pontevedra e a Deputación”, explicou o vicepresidente, pero cómpre “modificar algúns aspectos do proxecto que non se correspondían coa idea que entendemos que debe representar Santa Clara para o museo”. Neste eido, Domínguez, que cualificou como “oportunidade histórica para a cidade e o museo a compra do convento”, recordou que o anterior Goberno contemplara construír en Santa Clara un centro de xestión integral da colección arqueolóxica, cunha área de case 2.500 metros cadrados para depósitos de restos arqueolóxicos de achados atopados na provincia e outros 600 metros para un laboratorio de arqueoloxía destinado a profesionais no subsolo dos xardíns. Non obstante, esa non é a idea que o novo Goberno da Deputación ten para o convento: “Santa Clara non pode converterse nun simple almacén de restos arqueolóxicos, non é o axeitado, hai outros lugares que poden servir para ese propósito”, remarcou o vicepresidente.

“Hai unha enorme deficiencia no proxecto realizado polo anterior Goberno ―explicou Rafa Domínguez―, que pretendía converter parte de Santa Clara nun almacén, e escavar os 2.500 metros cadrados nos xardíns de Santa Clara, o que sería unha agresión mortal para un espazo que leva 400 anos sen ser visto polos pontevedreses”. Deste xeito, o novo proxecto “pretende preservar a esencia dos xardíns, tan importantes coma o propio convento ”.

Segundo informou o vicepresidente, foron precisamente estes os motivos que provocaron o cesamento do anterior director, “que era un cargo de confianza que levaba traballando nun proxecto radicalmente diferente” ao novo que se quere iniciar. Domínguez, que aproveitou para reiterar o seu agradecemento ao anterior director polo “seu traballo, que será proveitoso para o novo proxecto de Santa Clara”, destacou tamén que “todos os equipos de arquitectura que se presentaron ao concurso de ideas seguiron estas directrices que, desde o noso punto de vista, son erróneas, salvo un que solicitou expresamente preservar a maior parte posible dos xardíns de Santa Clara”.

 

Galerias de imaxes

audios