O arqueólogo Agustín Azkarate impartirá o próximo luns en Santa Clara unha conferencia sobre arqueoloxía da arquitectura

A intervención do que foi director científico do Plan de renovación da catedral de Santa María de Vitoria-Gasteiz terá lugar o luns 25 ás 19:00 h, e estará aberta ao público xeral

21/09/2023

A igrexa do convento de Santa Clara acolle o próximo luns 25 de setembro ás 19:00 horas a conferencia aberta ao público “A arqueoloxía da arquitectura, unha oportunidade para a innovación en patrimonio e paisaxes culturais. Experiencias desde a Universidade do País Vasco”. O recoñecido arqueólogo Agustín Azkarate será o encargado de impartila.

Agustín Azkarate Garai-Olaun (Elorrio, 1953) é catedrático de Arqueoloxía na Universidade do País Vasco (UPV/EHU), licenciado pola Universidade de Zaragoza e doutor pola UPV/EHU. É director do Grupo de Investigación en Patrimonio Construído da Universidade do País Vasco e director da Cátedra Unesco de Paisaxes Culturais e Patrimonio.

A súa principal liña de investigación céntrase na valoración e xestión integral do patrimonio cultural inmoble. Director científico do Plan de renovación da catedral de Santa María de Vitoria-Gasteiz, o seu plan director recibiu o Premio Unión Europea de Patrimonio Cultural e o Outstanding Studies en 2002, e en 2019 o Premio ao Patrimonio Arqueolóxico Europeo polo proxecto “Open for works-Obretan eta irekita-Abierto por obras" para a catedral Santa Maria de Vitoria-Gasteiz, concepto creado por este equipo de traballo e que actualmente se utiliza internacionalmente.

Agustin Azkarate é autor ou coautor de 12 libros e 150 capítulos de libros e artigos científicos. Foi fundador e director da revista Arqueología de la Arquitectura e dirixiu ou codirixiu unhas 30 investigacións e outras tantas escavacións arqueolóxicas.

A conferencia forma parte do programa do curso de extensión universitaria O Estudo Interdisciplinar das Construcións Históricas. Arqueoloxía da Arquitectura, Historia da Arte e Documentación Histórica, organizado polas universidade de Vigo e do Minho coa colaboración da empresa A Citanía Arqueoloxía, da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra. O curso desenvolverase entre os días 25 e 29 deste mes e terá o convento de Santa Clara como escenario e como obxecto de análise.

O curso está coordinado por Rebeca Blanco Rotea, investigadora do Laboratório de Paisagens, Património e Território da Universidade do Minho, e Victoriano Nodar, profesor do Departamento de Arte, Historia e Xeografía da Universidade de Vigo. O seminario busca afondar na análise das construcións históricas con ferramentas arqueolóxicas, ademais de formas as persoas asistentes no rexistro e documentación do patrimonio construído. O curso, no que participan expertas e expertos de diferentes universidades, busca achegar o alumnado ao conxunto de metodoloxías e disciplinas “necesarias para entender a evolución dos edificios históricos”, así como poñelas en práctica no propio convento.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.