A sede de Vigo acolle o “Demo Day” que pon o punto final ao primeiro coworking multisede da Deputación e a EOI

Nos últimos dous meses persoas de Baiona, Marín, Mos, Redondela, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vigo recibiron un intenso programa formativo en Silleda, Tui e Vigo para lanzar os seus proxectos empresariais

29/06/2023

Demo Day coworking. Deputación e a EOI

A sede da Deputación en Vigo vén de acoller a clausura do coworking que promoveron desde abril ata xuño a institución provincial e mais a Escuela de Organización Industrial (EOI) en Vigo, Tui e Silleda. A sala Rosalía de Castro foi o escenario do Demo Day no que as persoas emprendedoras participantes amosaron os seus proxectos empresariais, que se atopan en fase temperá de desenvolvemento ou de recente creación, ademais de dar a coñecer as necesidades que as levaron a participar no programa e as súas impresións despois destes dous intensos meses onde adquiriron as ferramentas necesarias para darlle impulso aos seus soños.

Ao longo deste tempo, unha vintena de participantes recibiu formación orientada á creación de empresas en sectores con potencial de crecemento e xeración de emprego, ademais dun intenso proceso de mentorización. A formación realizouse a través de obradoiros e de sesións formativas grupais, que afondaron en conceptos como estratexia e ecosistema emprendedor, modelos de negocio, validación e monetización, deseño de equipos, finanzas e financiamento, crowdfunding, xestión empresarial e vendas e tamén habilidades de comunicación. O coworking tamén incluíu sesións de mentoring individual dos proxectos emprendedores, nas que se acompañou cada proxecto no deseño do seu modelo de negocio e se axudou a resolver as súas necesidades. Ao longo do programa, desenvolvéronse diferentes eventos nas tres sedes –Vigo, Tui e Silleda– co obxectivo de favorecer o networking entre as persoas emprendedoras e demais axentes do ecosistema emprendedor, integrándoas coas actividades da comunidade de persoas emprendedoras.

No primeiro coworking multisede da Deputación e a EOI participaron Víctor Gómez (coa empresa de take away “Riquiñas. Filloas Gourmet”), Montserrat Gálvez, de Redondela (guía turística freelance baixo o paraugas da súa marca “Galicia á vista”), Johely Barrios, de Baiona (coa revista La Sociocultural), Alfonso Caride, de Mos, e Gabriel Varela, do Porriño (cunha aplicación informática de fidelización de clientela para pemes na hostalaría chamada “MyTribuBar”), Eglis Cruz, de Silleda (cun proxecto para o mantemento e mellora da saúde física e mental, “Rubigym Saúde e Benestar Vida Activa”), Ana Urquijo, de Vigo (cun proxecto de coaching para persoas creadoras e creativas e tamén para persoas con TDAH, “Ana Molly. Coaching para anomalías”), Miguel Ángel Rodríguez, de Soutomaior (cun proxecto de “Bosque Circular” innovador que transforma in situ a biomasa residual forestal en produtos de alto valor económico), David Gil, de Vigo (cunha consultoría compliance para pemes, “Prevencumplen Compliance consulting”), ou Maximiliano Nicolás Piñeiro, Georgina Ghio e Mariano Doce, de Vigo (cun proxecto para solucionar problemas tecnolóxicos e de reparación en vilas galegas onde non existe este servizo, “Baleia Consultores”).

Tamén participaron Cecilia Portela, de Tui (propietaria do estudio de arquitectura “Propostas Arquitectura”), María Cristina Alves, de Tui (cunha empresa creativa de bordados a medida, “Bordados Crisalpa”), Modesto Martínez, de Marín (cun simulador de toma de decisións en pandemias ou crises sanitarias para o sector sanitario, “Practicum Direct”), María Jimena Varela Rodríguez, de Tomiño (cunha consultoría en plans e proxectos sobre paisaxismo, relacionados coa conservación da biodiversidade e a mitigación e adaptación ao cambio climático, “Raizame Paisaxe e Territorio”), Francisco Javier Argüelles Menaz, de Tui (cun espazo cultural onde poder realizar actividades culturais, formativas e de ocio chamado “O Almacén”), Gema María Fernández, de Tui (cun proxecto que combina a paixón pola artesanía e os detalles para eventos, “Essentia HM”) e Sara Fontán César (dona da inmobiliaria “DeLuxo Inversiones Inmobiliarias”).

Os coworking da EOI forman parte do programa Espacio Coworking, polo que teñen pasado máis de 7.000 persoas emprendedoras dende 2016 e desenvolve o Programa Operativo da Fundación EOI para o fomento do emprego xuvenil de intervención comunitaria do Fondo Social Europeo de Emprego Xuvenil CCI 2014ES05M09OP001, no marco do obxectivo de investimento en crecemento e emprego destinadas a España. Foi aprobado por decisión da Comisión Europea en 2014, modificado por decisións de Execución da Comisión de 8 de xullo de 2016, 4 de decembro de 2018, 19 de decembro de 2019 e 20 de novembro de 2020. Esta iniciativa inclúese no marco da Estratexia España Nación Emprendedora, que articula 50 medidas para transformar as bases produtivas do país facendo do emprendemento innovador o rompexeos para un novo modelo económico.

A Escola de Organización Industrial (EOI) é a primeira Escola de Negocios fundada en España. Nos seus 65 anos de historia teñen pasado polas súas aulas máis de 142.000 directivos/as e xestores/as especializados en liderado, internacionalización e sustentabilidade. Como fundación pública adscrita ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, ten impulsado os negocios de máis de 80.000 persoas emprendedoras e pemes en España.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.