Arranca a nova edición do coworking da Deputación e a EOI con proxectos emprendedores de toda a provincia
Carmela Silva e Javier Benito asistiron á sesión de apertura do programa no que participarán proxectos de Baiona, Marín, Mos, Redondela, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vigo
20/04/2023
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director de proxectos da Escuela de Organización Industrial (EOI), Javier Benito, asistiron na sede da Deputación en Vigo á apertura do coworking que promoven ambas institucións e que se desenvolverá en Vigo, Tui e Silleda. Un grupo de persoas autónomas e emprendedoras de Baiona, Marín, Mos, Redondela, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vigo participan a partir de hoxe e ata finais de xuño nunha serie de actividades coas que se dotarán de todas as ferramentas necesarias para fomentar os seus proxectos empresariais, en fase temperá de desenvolvemento ou de recente creación. Na sesión de apertura xa puideron participar nun café networking e nunha sesión grupal co emprego da metodoloxía Lego Serious Play.
A presidenta Carmela Silva puxo en valor as experiencias da EOI, coa que a Deputación xa puxo en marcha outras edicións deste programa entre 2017 e 2021, “porque temos conciencia de canta xente emprendedora, e particularmente de cantas mulleres, temos nesta provincia” e subliñou “a relación empática, colaboradora e con obxectivos comúns que mantemos”. Neste período “houbo moitas ideas que naceron aquí e que conseguiron consolidarse, converterse en empresas que están xerando emprego”, por iso a presidenta da Deputación felicitou as e os participantes por, “nun mundo tan complexo e con tantos cambios, ter a valentía para tirar cara a adiante con iso que cremos que é unha boa idea” e animounas a seguir porque “a xente con ideas acaba sendo capaz de construír proxectos, mesmo se fracasa polo camiño” e porque os seus proxectos “moi diversos, que responden a moitas demandas, teñen todos moito futuro”.
Pola súa banda, o director de proxectos da EOI, Javier Benito, lembrou que “levamos moitos anos traballando coa Deputación coa particularidade do fincapé que pon esta institución no emprendemento feminino, que é a grande aposta da súa presidenta”. De Benito animou as persoas participantes a que “aproveitedes moitísimo as oportunidades, as clases e as titorías co profesorado: espremédeo ao máximo, sacádelle todo o xugo posible e contádelle as vosas ideas porque contar con elas e eles, que son grandes profesionais, fai que este coworking sexa moi interesante para vós”.
No coworking participarán Víctor Gómez, (coa empresa de take away “Riquiñas. Filloas Gourmet”), Montserrat Gálvez, de Redondela (guía turística freelance), Johely Barrios, de Baiona (coa revista La Sociocultural), Alfonso Caride, de Mos, e Gabriel Varela, do Porriño (cunha aplicación informática de fidelización de clientela para pemes na hostalaría), Eglis Cruz, de Silleda (cun proxecto para o mantemento e mellora da saúde física e mental), Ana Urquijo, de Vigo (cun proxecto de coaching para persoas creadoras e creativas e tamén para persoas con TDAH), Miguel Ángel Rodríguez, de Soutomaior (cun proxecto de bosque circular, innovador que transforma in situ a biomasa residual forestal en produtos de alto valor económico), David Gil, de Vigo (cunha consultoría compliance para pemes), Maximiliano Nicolás Piñeiro, de Vigo (cun proxecto para solucionar problemas tecnolóxicos e de reparación en vilas galegas onde non existe este servizo), Antía Montero, de Tui (cunha empresa de traballos verticais ligados á construción), Cecilia Portela, de Tui (propietaria do estudio de arquitectura “Propostas Arquitectura”), María Cristina Alves, de Tui (cunha empresa creativa de bordados a medida), Modesto Martínez, de Marín (cun simulador de toma de decisións en situacións de crise para o sector sanitario), María Jimena Varela Rodríguez, de Tomiño (cunha consultoría en plans e proxectos sobre paisaxismo, relacionados coa conservación da biodiversidade e a mitigación e adaptación ao cambio climático), Francisco Javier Argüelles Menaz, de Tui (cun centro diáfano onde poder realizar actividades culturais, formativas e de ocio), e Sara Fontán César (dona da inmobiliaria “DeLuxo Inversiones Inmobiliarias”).
Sobre o coworking da Deputación e a EOI
As persoas participantes recibirán unha formación orientada á creación de empresas en sectores con potencial de crecemento e xeración de emprego, e beneficiaranse dun intenso proceso de mentorización. A formación será a través de obradoiros e de sesións formativas grupais, que afondarán en conceptos como estratexia e ecosistema emprendedor, modelos de negocio, validación e monetización, deseño de equipos, finanzas e financiamento, crowdfunding, xestión empresarial e vendas e habilidades de comunicación. Na xornada de apertura de hoxe participaron na sesión de Lego Serious Play, unha metodoloxía na que a partir de pezas deste xogo de construción deben crear e construír ideas innovadoras que dean resposta a problemas cos que se atopan no seu día a día, explorando as relacións e conexións entre as persoas e o mundo, observando as dinámicas, explorando escenarios hipotéticos e tomando conciencia de todas as posibilidades.
O coworking tamén inclúe sesións de mentoring individual dos proxectos emprendedores, nas que se acompañará cada proxecto no deseño do seu modelo de negocio e se axudará a resolver as súas necesidades. Ao longo do programa, desenvolveranse diferentes eventos nas tres sedes –Vigo, Tui e Silleda– co obxectivo de favorecer o networking entre as persoas emprendedoras e demais axentes do ecosistema emprendedor, integrándoas coas actividades da comunidade de persoas emprendedoras. E tamén, nas últimas semanas do coworking, se realizará un demo day no que se presentarán os proxectos e o alcance dos mesmos.
Os coworking da EOI forman parte do programa Espacio Coworking, polo que teñen pasado máis de 7.000 persoas emprendedoras dende 2016 e desenvolve o Programa Operativo da Fundación EOI para o fomento do emprego xuvenil de intervención comunitaria do Fondo Social Europeo de Emprego Xuvenil CCI 2014ES05M09OP001, no marco do obxectivo de investimento en crecemento e emprego destinadas a España. Foi aprobado por decisión da Comisión Europea de 12 de decembro de 2014, modificado por decisións de Execución da Comisión de datas 8 de xullo de 2016, 4 de decembro de 2018, 19 de decembro de 2019 e 20 de novembro de 2020. Esta iniciativa inclúese no marco desenvolvido dentro da Estratexia España Nación Emprendedora, que articula 50 medidas para transformar as bases produtivas do país facendo do emprendemento innovador o rompexeos para un novo modelo económico.
A Escola de Organización Industrial (EOI) é a primeira Escola de Negocios fundada en España. Nos seus 65 anos de historia teñen pasado polas súas aulas máis de 142.000 directivos/as e xestores/as especializados en liderado, internacionalización e sustentabilidade. Como fundación pública adscrita ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, ten impulsado os negocios de máis de 80.000 persoas emprendedoras e pemes en España.