A Deputación e a Fundación EOI lanzan un coworking en Vigo, Silleda e Tui para impulsar iniciativas emprendedoras na provincia

O coworking colaborativo multisede terá lugar entre o 12 de abril e o 30 de xuño e dará cabida a entre 12 e 22 proxectos emprendedores. O prazo abrirase este luns, 20 de marzo, e a inscrición poderá formalizarse a través da web da Fundación EOI

15/03/2023

No marco da aposta compartida pola Deputación de Pontevedra e a Fundación EOI para aumentar na provincia as competencias emprendedoras, incentivar o espírito emprendedor, a creación de empresas e incrementar as iniciativas de traballo por conta propia sostibles, ambas entidades veñen de asinar un convenio, por valor de 150.000 €, para a posta en marcha do primeiro programa de coworking nun espazo de traballo colaborativo multisede. O programa, que se estenderá entre o 12 de abril e o 30 de xuño, terá lugar en tres localidades distintas: en Vigo (sede da Deputación), Tui e Silleda, e estará aberto a entre 12 e 22 proxectos emprendedores. O prazo para participar abrirase este luns, 20 de marzo, e a inscrición poderá formalizarse a través da web da Fundación EOI.

O novo coworking está orientado a persoas emprendedoras innovadoras con proxectos empresariais na fase temperá de desenvolvemento ou emprendedoras que teñan creado a súa empresa recentemente (máximo 6 meses antes de inscribirse no programa) na provincia. Os proxectos, integrados por un mínimo de 1 e un máximo de 3 persoas, serán seleccionados atendendo á iniciativa emprendedora, á motivación e compromiso co programa e ao desexo de mellorar as súas capacidades e habilidades para poñer en marcha o proxecto empresarial.

Todas as persoas participantes recibirán unha formación orientada á creación de empresas en sectores con potencial de crecemento e xeración de emprego e beneficiaranse dun proceso de mentorización nas tres sedes do programa. Ademais, no desenvolvemento das actuacións terase en conta a transversalidade do principio horizontal de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, promovendo, entre outros obxectivos, a participación sostible das mulleres no mercado laboral, fomentando a súa incorporación ao emprego e reducindo a segregación por motivo de sexo.

A formación será obrigatoria e práctica, a través de obradoiros e de sesións formativas grupais, que afondarán en conceptos como Estratexia e ecosistema emprendedor, Modelos de negocio: validación e monetización, Deseño de equipos, Finanzas e financiación, Crowfunding, Xestión empresarial e vendas e Habilidades de Comunicación.

No caso dos obradoiros, que poden abrirse ao público en xeral, o seu obxectivo principal é axudar ás persoas emprendedoras a validar o seu modelo de negocio e a capacitar ás persoas emprendedoras en habilidades e ferramentas imprescindibles para poñer en marcha un proxecto. En canto ás sesións formativas grupais, dirixidas exclusivamente ás persoas beneficiarias do coworking, tratarán contidos específicos para as necesidades detectadas nos proxectos emprendedores.

Pola súa banda tamén haberá sesións de mentoring individual dos proxectos emprendedores. A súa finalidade é acompañar cada proxecto no deseño do seu modelo de negocio e axudar ás persoas emprendedoras a resolver necesidades xerais e específicas.  Ademais, ao longo do proceso  de coworking, desenvolveranse diferentes eventos co obxectivo de favorecer o networking entre as persoas emprendedoras e demais axentes do ecosistema emprendedor, integrándoas coas actividades da comunidade de persoas emprendedoras. E, nas últimas semanas do coworking, realizarase un Demoday no que se presentarán os proxectos e o alcance dos mesmos.

Os coworking da EOI forman parte do programa Espacio Coworking, polo que teñen pasado máis de 7.000 persoas emprendedoras dende 2016 e desenvolve o Programa Operativo da Fundación EOI para o fomento do emprego xuvenil de intervención comunitaria do Fondo Social Europeo de Emprego Xuvenil CCI 2014ES05M09OP001, no marco do obxectivo de inversión en crecemento e emprego destinadas a España. Foi aprobado por decisión da Comisión Europea de 12 de decembro de 2014, modificado por decisións de Execución da Comisión de datas 8 de xullo de 2016, 4 de decembro de 2018, 19 de decembro de 2019 e 20 de novembro de 2020. Esta iniciativa inclúese no marco desenvolvido dentro da Estratexia España Nación Emprendedora, que articula 50 medidas para transformar as bases produtivas do país facendo do emprendemento innovador o rompexeos para un novo modelo económico.

Sobre a EOI

A Escola de Organización Industrial (EOI) é a primeira Escola de Negocios fundada en España (1955). Nos seus 65 anos de historia teñen pasado polas súas aulas máis de 142.000 directivos/as e xestores/as empresariais especializados en liderado, internacionalización e sustentabilidade. Como fundación pública adscrita ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, ten impulsado os negocios de máis de 80.000 persoas emprendedoras e pemes en España.