A Guarda acolle este xoves 16 o pase do documental Onde máis doe ao abeiro do Ciclo Mestre Mateo

A proxección do documental, dirixido por Manane Rodríguez e finalista nesta categoría nos premios do audiovisual galego, terá lugar no centro cultural, ás 20:30 horas

15/11/2023

O concello da Guarda acolle unha nova proxección ao abeiro da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación de Pontevedra para achegarlles aos concellos da provincia as longametraxes de ficción e os documentais gañadores e finalistas dos premios do audiovisual galego. Nesta ocasión, a veciñanza poderá asistir ao pase do filme Onde máis doe, finalista na categoría de documentais na gala dos Mestre Mateo, nunha sesión que terá lugar no salón de actos do centro cultural ás 20:30 horas.

Dirixido por Manane Rodríguez, o filme, que se estreou o pasado 2022 no OUFF-Ourense Film Festival e foi finalista na categoría documental nos Premios Mestre Mateo, retrata a violencia de xénero ao contar o caso de M. M., que, despois de ameazar durante anos a súa exparella, asasinou a golpes de pala o seu fillo de 11 anos. Un ano despois, un xurado popular condenouno por asasinato e determinou que o crime buscaba castigar a nai. Manane Rodríguez asume a dirección e o guión neste filme producido por Xabier Bermúdez e con música de Nani García.

Ademais da Guarda, os outros concellos nos que recala a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son Baiona, O Grove e A Estrada. Estes municipios exhiben, ademais de O corpo aberto, María Casares, a muller que viviu mil vidas e Unicorn Wars, recoñecidos, respectivamente, como mellor longametraxe, documental e filme de animación na última edición dos Mestre Mateo, e do citado filme Onde máis doe, os documentais A Foreign Song (César Souto) e No somos nada (Javier Corcuera), así como a película de animación Valentina (Chelo Loureiro) e as longametraxes Live is Life (Dani de la Torre) e Código emperador (Jorge Coira).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.