O Ciclo Mestre Mateo continúa este mércores 15 en Caldas de Reis co pase de Onde máis doe

A proxección do filme de Manane Rodríguez, finalista na categoría de documentais nos premios do audiovisual galego, terá lugar no Cine Avenida, ás 20:00 horas

14/11/2023

A segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegarlles as longametraxes de ficción e documentais gañadores e finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia, continúa este mércores 15 de novembro en Caldas de Reis. Nesta ocasión, proxectarase o documental Onde máis doe, finalista na categoría documentais na gala dos Mestre Mateo, no Cine Avenida, ás 20:30 horas.

Dirixido por Manane Rodríguez, o filme, que fora estreado o pasado 2022 no OUFF - Ourense Film Festival e finalista na categoría documental nos Premios Mestre Mateo, retrata a violencia de xénero ao contar o caso de M. M., que despois de ameazar durante anos a súa exparella, asasinou a golpes de pa o seu fillo de 11 anos. Un ano despois, un xurado popular condenouno por asasinato e determinou que o crime buscaba castigar a nai. Manane Rodríguez asume a dirección e o guión neste filme producido por Xabier Bermúdez que conta coa música de Nani García.

Ademais de Caldas de Reis, os outros concellos nos que recala a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son os da Guarda, Baiona, O Grove e A Estrada. Estes municipios exhiben, ademais de O corpo aberto, María Casares, a muller que viviu mil vidas e Unicorn Wars, recoñecidos respectivamente como mellor longametraxe, documental e filme de animación na última edición dos Mestre Mateo, e do citado filme Onde máis doe, os documentais A Foreign Song (César Souto) e No somos nada (Javier Corcuera), así como a película de animación Valentina (Chelo Loureiro) e as longametraxes Live is Life (Dani de la Torre), e Código Emperador (Jorge Coira).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.