O Grove acolle este venres 17 a proxección da película Código Emperador ao abeiro do Ciclo Mestre Mateo

A proxección do filme, finalista na categoría de longametraxes nos premios do audiovisual galego, terá lugar na Casa da Cultura ás 20:00 horas

16/11/2023

O concello do Grove acolle este venres 17 de novembro a proxección da película Código Emperador ao abeiro da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, para achegarlles as longametraxes de ficción e documentais gañadores e finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. O pase do filme, dirixido por Jorge Coira, finalista na categoría de longametraxes na gala dos Mestre Mateo, terá lugar na Casa da Cultura, ás 20:00 horas.

Ademais de mellor longametraxe, este thriller foi finalista aos Premios Mestre Mateo nas categorías de dirección, dirección de produción, mellor interpretación masculina protagonista e de elenco, maquillaxe e peiteado, montaxe, música orixinal e mellor son. Neste filme, o actor Luis Tosar, que encabeza o elenco xunto a Alexandra Masangkay, Georgina Amorós, Denis Gómez, Miguel Rellán e María Botto, ponse na pel de Juan, un axente que traballa para os servizos secretos. Co fin de ter acceso ao chalé dunha parella implicada no tráfico de armas, achégase a Wendy, a asistenta filipina que vive na casa e establece con ela unha relación cada vez máis complexa. En paralelo, Juan realiza outros traballos “non oficiais” para protexer os intereses das elites máis poderosas do país, que teñen a vista posta en Ángel, un político cuxos trapos sucios deberá buscar ou “inventar” coa axuda de Marta, a filla dun recoñecido actor.

Ademais do Grove, os outros concellos nos que recala a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son os de Caldas de Reis, Baiona, A Guarda e A Estrada. Estes municipios exhiben, ademais de O corpo aberto; María Casares, a muller que viviu mil vidas e Unicorn Wars, recoñecidos respectivamente como mellor longametraxe, documental e filme de animación na última edición dos Mestre Mateo, e do citado filme Código Emperador, os documentais A Foreign Song (César Souto) e No somos nada (Javier Corcuera), así como a película de animación Valentina (Chelo Loureiro) e a longametraxe Live is Life (Dani de la Torre).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.