Remata o Ciclo Mestre Mateo cunha proxección este xoves na Guarda sobre María Casares

A través deste ciclo, a Deputación e a Academia Galega do Audiovisual achegáronlles, entre maio e novembro, as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos de Baiona, A Estrada, O Grove, A Guarda e Caldas de Reis

29/11/2023

O Ciclo Mestre Mateo chega ao seu fin este xoves na Guarda coa proxección do documental María Casares, a muller que viviu mil vidas. A través deste ciclo, a Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual achegáronlles, entre maio e este mes de novembro, as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos de Baiona, A Estrada, O Grove, A Guarda e Caldas de Reis. A última proxección que recibiu o Premio Mestre Mateo ao mellor documental, terá lugar no mesmo lugar no que arrancou este ano a iniciativa, no Centro Cultural da Guarda, e será este xoves ás 20.30 horas.

Xavier Villaverde (director e guionista) propón en María Casares, a muller que viviu mil vidas unha aproximación íntima e profunda á vida da actriz, unha figura fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX. Trátase dunha homenaxe desde a súa Galicia natal, a que nunca esqueceu, no marco do primeiro centenario do seu nacemento. No documental interveñen María Lopo, Emilio Grancío, Manolo Rivas, Mabel Rivera, Johana Silberstein, Jorge Lavelli, Marion Chénetier-Alev e Manolo Lourenzo.

Con esta última proxección o Ciclo Mestre Mateo chega ao seu final, despois de dotar os concellos da provincia dunha programación estable de cinema en galego, ao exhibir as películas premiadas e finalistas dos Premios Mestre Mateo deste ano. Ademais de María Casares, a muller que viviu mil vidas, tamén se proxectaron no marco deste programa filmes coma Valentina (Chelo Loureiro), Live is Life (Dani de la Torre), Código Emperador (Jorge Coira), O corpo aberto (Ángeles Huerta), A Foreign Song (César Souto), Unicorn Wars (Alberto Vázquez Rico), Onde máis doe (Manane Rodríguez) ou No somos nada (Javier Corcuera).

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.