A celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos en Pontevedra arranca mañá cunha xornada de conferencias no Museo

O vicepresidente segundo da Deputación e a directora do Museo inaugurarán a xornada, á que seguirá en novembro un seminario sobre o “Corpus Petroglyphorum Gallaeciae” de Ramón Sobrino Buhigas e a presentación do facsímile de “Romance de unha fatal ocasión”

26/10/2023

O Museo de Pontevedra está a participar nos actos cos que 18 entidades galegas celebran o centenario do Seminario de Estudos Galegos. A institución provincial preparou para a ocasión un conxunto diverso de accións divulgativas, que se iniciaron en setembro con visitas á comarca de Deza e que se desenvolven no propio museo a partir de mañá, coa celebración dunha xornada de conferencias, á que seguirán dúas actividades programadas para o mes de novembro.

A xornada deste venres 27 de outubro no Edificio Castelao dedicarase a analizar o papel no Seminario de destacadas figuras vinculadas á cidade ou á provincia, xa sexa pola súa orixe ou por vínculos familiares ou afectivos. O vicepresidente segundo da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, a directora do Museo, Ángeles Tilve, e a responsable do Arquivo Documental do Museo e coordinadora dos actos de celebración do centenario, María Jesús Fortes, serán as persoas encargadas de inaugurar a xornada ás 10:00 h e de darlles paso ás investigadoras e investigadores que impartirán as conferencias.

Na sesión de mañá, a primeira intervención será a de Ramón Villares, cunha conferencia na que analizará a extraordinaria presenza e influencia de Pontevedra na xénese e no desenvolvemento do Seminario de Estudos Galegos. O catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela lembrará o esplendor cultural da cidade, con faladoiros, sociedades culturais e forza institucional coma a propia Deputación Provincial, presidida por Daniel de la Sota, que están na base deste protagonismo da cidade, que xunto con Ourense e Santiago Compostela formou o que o historiador considera “un triángulo virtuoso da vida e accións do SEG”.

A sesión matinal  completarana as intervencións de Ángeles Tilve sobre a figura de Castelao e de Carlos Valle sobre Filgueira Valverde, ambos implicados tanto no Seminario de Estudos Galegos coma na orixe do propio Museo de Pontevedra.

As intervencións da tarde estarán dedicadas a reivindicar cinco figuras quizais menos coñecidas, pero que realizaron un traballo transcendente dentro do complexo labor interdisciplinar que levou a cabo o Seminario de Estudos Galegos. Justo Beramendi, catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, describirá a contribución de Antón Losada Diéguez a fitos do nacionalismo de principios do século pasado.

A responsable do Museo Municipal de Lalín, Cecilia Doporto Regueira, dedicarálles a súa intervención ao ilustre científico lalinense Ramón María Aller Ulloa e ás xeiras do Seminario na comarca de Deza. Luis Costa, catedrático de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo, falará das diversas inquedanzas de Antonio Iglesias Vilarelle, que desenvolveu no Seminario actividades vinculadas á psicotécnica e á diglosia.

O historiador, documentalista e escritor Alfonso Mato achegarase á figura de Sebastián González, a través das tres frontes onde desenvolveu as súas actividades:  na universidade (como alumno e profesor), no Seminario e no galeguismo. Por último, Diana Duo Ramila, doutora en Historia da Arte e membro do equipo de Educación do Museo de Pontevedra, reconstruirá a pouco coñecida traxectoria vital e profesional de Felipe Ramón Cordero Carrete.

Tanto a sesión de mañá coma a de tarde rematarán con cadanseu coloquio. O acceso á xornada é libre, aínda que as persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse previamente escribindo a reservas.museo@depo.gal.

Máis actividades en novembro

As actividades coas que o Museo de Pontevedra conmemora o centenario do SEG arrancaron en setembro, cando se realizou unha saída a castros de Silleda e Lalín e outra ao mosteiro de Carboeiro. Nestas excursións lembrábanse as xeiras á comarca de Deza que realizaron os membros do Seminarioentre 1928 e 1935. A divulgación deste proxecto inconcluso, que nunca se concretou no volume sobre Terra de Deza que estaba previsto, completarase en próximas datas coa publicación dun espazo na web no que se mostrará a documentación que foi recollida nas xeiras e que se conserva no Arquivo do Museo: apuntamentos, bosquexos, debuxos e fotografías.

En novembro o Museo programará dúas novas actividades. O día 9 celebrarase un seminario sobre o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, de Ramón Sobrino Buhigas. Nesta obra ,que en 1935 deu a coñecer internacionalmente a arte rupestre galega, Sobrino ilustrou máis de douscentos conxuntos de petróglifos da provincia de Pontevedra, ademais de escribir unha interesante introdución que partía do seu estudo comparativo dos gravados rupestres galegos cos de Francia e Inglaterra.

O 22 de novembro está prevista a presentación da edición facsimilar de dous documentos de 1935, inéditos  ata agora e que reúnen un grande interese histórico, literario e artístico: o Romance de unha fatal ocasión, un poema que os seminaristas lle dedicaron a Castelao, e o Tibi Bastianus Imperator Peruensis, outro romance dedicado a Sebastián González García-Paz e que acaba de ser doado ao Museo polo fillo deste.