A xornada no Museo dedicada ao Seminario de Estudos Galegos salientou o papel central que Pontevedra xogou neste proxecto

O vicepresidente segundo da Deputación e a directora do Museo de Pontevedra inauguraron esta xornada, que se desenvolveu ao longo do día con oito conferencias e dous coloquios

27/10/2023

Inauguración xornada

O Museo de Pontevedra celebrou hoxe venres 27 de outubro no Edificio Castelao un dos actos centrais da súa programación arredor do centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos (SEG). A xornada de conferencias dedicouse a analizar o papel no SEG de destacadas figuras vinculadas á cidade e á provincia, xa sexa pola súa orixe ou por vínculos familiares ou afectivos.

O vicepresidente segundo da Deputación, Rafa Domínguez, inaugurou a xornada, xunto coa directora do Museo, Ángeles Tilve, e a coordinadora da xornada e das actividades arredor do centenario do SEG, María Jesús Fortes. Domínguez destacou que “algo que caracterizou a Pontevedra nos últimos cen anos, cos seus altos e baixos, é a súa potente actividade cultural. O Museo de Pontevedra ten que ser o faro da cultura de Pontevedra e de Galicia e niso estamos traballando, en incrementar a actividade cultural e de investigación do Museo para que faga desta cidade un modelo de cultura”.

A directora do Museo puxo o acento na relevancia histórica do SEG: “por primeira vez xurdía un proxecto transversal que quería investigar e divulgar a cultura galega cruzando as metodoloxías e os saberes de todas as disciplinas. Tilve incidiu nos vínculos entre o Museo e o Seminario: “aquel facho cultural apagouse co golpe de Estado e a guerra do 36, pero a súa luz chegou aos nosos días de diferentes maneiras; o Museo de Pontevedra naceu naqueles anos guiado por inquedanzas similares e coa participación dalgúns dos protagonistas do Seminario, coma Filgueira e Castelao”.

O catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Villares, abriu as conferencias e situou a “Pontevedra nun triángulo formado tamén por Ourense e Santiago, con diferente peso no Seminario de Estudos Galegos, nunha dirección ou noutra. Pontevedra desempeñou un papel extraordinariamente activo, tanto nos primeiros anos como na continuidade posterior”. Villares destacou que ”o Seminario foi un lugar de converxencia de diferentes saberes, procedencias institucionais e procedencias disciplinares; esa foi a súa gran novidade. Moitos testemuños da época insisten en que funcionaban coma unha irmandade; tíñanse por irmáns, non había xerarquías”.

Na súa conferencia sobre Rodríguez Castelao, Ángeles Tilve revisou a traxectoria ligada ao SEG de quen foi un dos seus membros máis activos desde o seu ingreso como socio de mérito en 1924. Tilve expuxo como ata 1936 realizou un inxente labor a prol da investigación científica e da divulgación do patrimonio e da cultura galega, a través do seu traballo sobre os cruceiros como elementos xenuínos e consubstanciais da nosa cultura popular. No relatorio amosou unha pequena selección das fotografías que xuntou Castelao, propias e alleas, os seus apuntamentos e os debuxos a partir dos cales elaborou As cruces de pedra na Bretaña, publicado en 1930 polo SEG, e, sobre todo, As cruces de pedra na Galiza, sobre o que versara xa en 1934 o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, pero que non sería publicado ata 1950 en Bos Aires.

Carlos Valle, exdirector do Museo de Pontevedra e presidente de honra da Confederación Española de Centros de Estudos Locais, foi o encargado de trazar a figura de Xosé Filgueira Valverde e o seu papel central no SEG. “A miña relación con Filgueira Valverde foi moi intensa durante décadas; pódome considerar, se mo permiten, un neto do Seminario de Estudos Galegos”. Valle expresou que “hai dous datos que resumen a súa valía: a súa precocidade na toma de decisións e a diversidade dos seus intereses intelectuais, o enciclopedismo do seu saber. Busquen o tema que queiran: historia, historia da arte, literatura, turismo, etnografía...: nada susceptible de ser investigado foi alleo ao seu interese”.

Sesión de tarde

A sesión de tarde arrancou coa conferencia de Justo Beramendi, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, que describiu as contribucións de Antón Losada Diéguez ao nacemento e evolución das Irmandades da Fala, e como en Pontevedra continuou colleitando prosélitos (Xosé Filgueira, Antón Fraguas, Alexandre Bóveda) e promovendo iniciativas para espallar o nacionalismo. Beramendi explicou que en 1922 xuntou na súa casa un grupo de discípulos na Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas, precedente inmediato do SEG que nacería só un ano despois, e no que se integra a Xuntanza.

No ilustre científico de Lalín, Ramón María Aller Ulloa, centrouse a intervención de Cecilia Doporto,  doutora en Historia da Arte e responsable do Museo Municipal de Lalín. Describiu a Aller como un  home polivalente, que fixo de mestre reloxeiro, de arquitecto de máis de 60 casas unifamiliares, fotógrafo, debuxante, ou profesor e preparador de estudantes. Aller Ulloa puxo o primeiro observatorio privado de Galicia a disposición do Seminario, do que foi membro desde o ano 1928, no que empezaron as xeiras na comarca de Deza.

O catedrático de Musicoloxía no Conservatorio Superior de Música de Vigo, Luís Costa, contextualizou a figura de Antonio Iglesias Vilarelle no seu momento histórico, e tamén avaliou as súas contribucións desde unha perspectiva actual. Aínda que coñecido especialmente polas súas actividades relacionadas coa música, no SEG a súa acción relacionouse principalmente coa psicotécnica e coa cuestión da diglosia, tratada por el como bilingüismo. Costa definiu a Vilarelle como un “amador” de todo canto abordou fóra das súas ocupación laborais.

María Xesús Fortes foi a encargada de ler a intervención do historiador, documentalista e escritor Alfonso Mato sobre á figura de Sebastián González García-Paz. “O traballo que realizou arreo, desde o SEG e a Universidade, na catalogación, divulgación e defensa do patrimonio histórico e da cultura galega foi tan necesario como importante. Certo que só deixou dúas publicacións sobre arqueoloxía prehistórica e outras dúas moi pequerrechas sobre historia da arte, pero non é menos certo que xullo de 1936 chegou demasiado cedo e non tivo tempo para rematar outras obras das que temos noticia”. Sebastián González exiliouse en Porto Rico. Como cidadán estadounidense, nos anos 50 e 60 volveu a Galicia, onde “volveu ter trato cos vellos amigos do Seminario e mesmo investigou nos arquivos e bibliotecas e publicou varios artigos na revista do Museo de Pontevedra, pero non deixou de ser antifranquista nin galeguista”.

Diana Duo Ramila pechou as conferencias cun relatorio sobre a figura de Felipe Ramón Cordero Carrete. Nacido en Redondela en 1894, “Cordero Carrete formou parte do esforzo conxunto que lle supuxo tanto ao SEG, como posteriormente ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, de impulsar a cultura galega. Estivo plenamente integrado nunha xeración de intelectuais que puxo, sen reservas, todo o seu empeño para impulsar, modernizar e dinamizar a cultura galega”. Para a doutora en Historia da Arte e membro do departamento de Educación do Museo de Pontevedra, “Cordero Carrete manifestouse coma unha figura apolítica, profundamente humana, xenerosa, que puxo o seu traballo dunha forma absolutamente desinteresada”.