Un seminario no museo analizará o 9 de novembro o impacto do libro que en 1935 espertou o interese internacional na arte rupestre galega
Tres conferencias e unha mesa redonda no Edificio Castelao abordarán a figura de Ramón Sobrino Buhígas e a relevancia do seu Corpus Petroglyphoum Gallaeciae na arqueoloxía galega
02/11/2023
O Museo de Pontevedra suma un novo acto dentro da súa programación para conmemorar o centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos (SEG). O próximo xoves 9 de novembro, de 16:30 a 20:00 horas, desenvolverase no Edificio Castelao o seminario Un Fito da Arqueoloxía Galega. Ramón Sobrino Buhígas e o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, con tres conferencias e unha mesa redonda para analizar o impacto desta publicación, editada polo SEG en 1935, na promoción do estudo e do coñecemento internacional da arte rupestre galega.
O programa comezará cunha conferencia de Mateo Fontán sobre a figura de Ramón Sobrino Buhígas no contexto da arqueoloxía da época. Fontán situará o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae como un traballo precursor nos estudos sobre a arte rupestre do noroeste peninsular, que provocou o espertar da arqueoloxía galega e un grande interese internacional.
Ramon Sobrino Buhígas (1888-1946), naturalista especializado en bioloxía mariña, foi tamén odontólogo, debuxante e arqueólogo. En 1930 viaxou a París e Londres cunha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos para estudar as insculturas rupestres europeas. Esta foi a base do Corpus, que publicaría en 1935 en latín. O libro contén 188 láminas de fotografías e debuxos e un mapa de petróglifos da provincia de Pontevedra, ademais dun estudo introdutorio no que o autor analiza de xeito integral as estacións da arte rupestre galega ao aire libre e as conecta coas doutros lugares de Europa.
A segunda conferencia estará a cargo da fotoxornalista e arqueóloga brasileira Kenia de Aguiar, que analizará a documentación fotográfica realizada por Sobrino Buhígas para o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae. Pola súa banda, a terceira e última conferencia impartiraa o investigador Ángel Núñez Sobrino, neto de Ramón Sobrino Buhígas, que trazará un retrato biográfico do arqueólogo e naturalista, e incidirá na influencia do seu primo Enrique Campo e da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, o seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos e outros fitos da súa traxectoria vital. A xornada pecharase cunha mesa redonda moderada por Daniel Crespo, conservador de Arqueoloxía do Museo de Pontevedra.
O acceso á xornada é libre, aínda que as persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal.
Documentación da familia Sobrino
Ao longo dos últimos anos, o Museo de Pontevedra recibiu sucesivas entregas de documentación sobre a familia Sobrino, prolífica en músicos, artistas e historiadores, xeralmente realizadas por Ángel Núñez Sobrino. Boa parte desas doazóns son de materiais referentes a Ramón Sobrino Buhígas, empresario, odontólogo e catedrático do Instituto de Pontevedra de Historia Natural e Fisioloxía e Hixiene, do que foi director.
Dos documentos entregados destaca a colección de fotografías e debuxos que ilustraron o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, aínda que tamén podemos atopar imaxes persoais e familiares e documentación de todas as súas facetas profesionais. Todo o arquivo de Ramón Sobrino está dixitalizado e á disposición das dos investigadores que queiran coñecer á súa importante achega á Prehistoria galega.