A Deputación súmase ao Día Mundial do Enoturismo cunha cata no castelo de Soutomaior para promocionar os viños da provincia

As persoas interesadas en asistir este domingo 12 ao evento, que contará coa presenza do presidente, Luis López, e incluirá unha degustación de produtos e unha actuación musical, poden retirar xa as entradas na web do castelo

06/11/2023

Cata Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra sumarase este domingo 12 de novembro xunto á Ruta do Viño Rías Baixas ás celebracións do Día Mundial do Enoturismo coa novena edición da Cata Amateur no castelo de Soutomaior, aberta ao público e para a que xa están á venda as entradas na web do castelo (www.castelodesoutomaior.com). A institución provincial programa este evento, que se desenvolverá de 11:00 a 14:00 horas e contará coa presenza do presidente, Luis López, co obxectivo de promocionar os viños e o produto turístico relacionado co sector vitivinícola na provincia.

Na cata, que estará amenizada con música en directo de Dani Barreiro & Friends e será conducida polo prestixioso sommelier Nacho Costoya, daranse a coñecer cinco viños da D. O. Rías Baixas, harmonizados con conservas galegas. A degustación terá lugar entre as 11:00 e as 14:00 horas, e as persoas asistentes poderán visitar libremente o castelo a partir das 13:00 horas. Hai un total de cen prazas para o evento, que contará, ademais, cun concurso dirixido ao público asistente, que deberá acertar a combinación de viños na fase de cata a cegas. As entradas custan 8 euros e cada persoa poderá adquirir ata un máximo de nove.

O Día Mundial do Enoturismo está promovido pola Rede Europea de Cidades do Viño (RECEVIN), co obxectivo de potenciar o turismo relacionado co viño e a promoción das zonas vinícolas como vertebradoras de territorios rurais e xeradoras de riqueza económica, cultural e patrimonial. Celébrase todos os anos o segundo domingo de novembro e durante esta xornada teñen lugar diferentes actividades festivas e culturais en toda Europa.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.