A Deputación leva o programa +Bosques esta fin de semana ata cabo Udra e O Carreirón

A iniciativa promove o contacto directo coa natureza e ten xa todas as prazas cubertas, tanto para este mes como para outubro

18/09/2024

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta fin de semana dous novos percorridos do programa provincial +Bosques que levarán un total de 30 persoas aos espazos naturais de cabo Udra (Bueu), o sábado 21 de setembro, e o Parque Natural do Carreirón (A Illa de Arousa), o domingo 22 de setembro. Os percorridos teñen unha duración de ata 3 horas e permitirán afondar sobre as especiais características destes espazos que os converten en lugares protexidos ou con exemplares botánicos singulares.

Esta iniciativa da institución provincial, que promove o contacto directo coa natureza, permite ás persoas participantes gozar das vantaxes dos "baños de bosques" a través de preto de 40 percorridos organizados entre xuño e outubro polos ríos Almofrei (Pontevedra) e Xabriña (Covelo), O Carreirón (A Illa de Arousa), cabo Udra (Bueu), a illa de Tambo (Poio), o lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o pazo de Lourizán (Pontevedra).

A Deputación, a través de +Bosques, organiza este mes nove percorridos todos os sábados e domingos. En total ata outubro serán preto de 40 as quendas por sete espazos tanto da costa como do interior da provincia que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do "baño de bosque" e a conexión directa en e coa natureza. +Bosques promove  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como a realización de exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural.

Todas as prazas do programa, que rematará coas quendas do mes de outubro, están esgotadas. Este pasado luns 16 de setembro a Deputación abriu o período de inscrición para estas últimas, completando as 120 prazas dispoñibles en menos dunha hora.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.