A Deputación leva os últimos percorridos de +Bosques de setembro ata o pazo de Lourizán e o lago de Castiñeiras
A iniciativa promove o contacto directo coa natureza e ten xa todas as prazas cubertas, tanto para este mes como para outubro
25/09/2024
A Deputación de Pontevedra leva os últimos percorridos de +Bosques de setembro ata o pazo de Lourizán (Pontevedra), o sábado 28, e o lago de Castiñeiras (Marín e Vilaboa), o domingo 29. Serán en total 30 as persoas que participarán nestes percorridos, con duración de ata 3 horas, que permitirán afondar sobre a especiais características destes espazos que os converten en lugares protexidos ou con exemplares botánicos singulares.
Esta iniciativa da institución provincial, que promove o contacto directo coa natureza, permite ás persoas participantes gozar das vantaxes dos "baños de bosques" a través de preto de 40 percorridos organizados entre xuño e outubro polos ríos Almofrei (Pontevedra) e Xabriña (Covelo), O Carreirón (A Illa de Arousa), cabo Udra (Bueu), a illa de Tambo (Poio), o lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o pazo de Lourizán (Pontevedra).
Coas saídas da vindeira fin de semana, a Deputación, a través de +Bosques, organizou un total de nove percorridos en setembro. Para outubro están previstos outros oito, entre o sábado 5 e o domingo 27, que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do "baño de bosque" e a conexión directa en e coa natureza. +Bosques promove a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como a realización de exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural.