Ano excepcional para os castelos de Sobroso e Soutomaior que recibiron máis de 45.000 visitantes

 A musealización e a ampla programación cultural promovida pola Deputación, converteron ás dúas fortalezas en iconas turísticas da provincia

04/01/2023

Castelo de Soutomaior

2022 foi un ano histórico para os Castelos de Soutomaior e Sobroso que conseguiron unha excepcional cifra de visitantes nunca alcanzada antes. O Castelo de Soutomaiorsegue a ser unha das xoias do patrimonio da Deputación e este ano pasaron polo seu interior 37.800 visitantes, aos que hai que engadir as miles de persoas que visitaron os seus xardíns, declarados de Excelencia Internacional en Camelia. A gran afluencia deste ano que remata únese á crecente demanda experimentada desde 2018 cando a institución provincial realizou a ambiciosa musealización da fortaleza. De feito desde a súa estrea a cifra de visitantes elévase ás preto de 150.000 persoas. A variedade de percorridos que se ofrecen, as experiencias para maiores e pequenos e as actividades postas en marcha xustifican estas cifras históricas de visitantes que, por exemplo, neste Nadal superaron con creces os datos obtidos nestas datas en anos anteriores, con preto de 5000 visitas para desfrutar do alumeado e a decoración amais do mercadiño.

Outra das grandes iniciativas que fan atractiva a experiencia de visitar Soutomaior son os  programas de visitas caracterizadas e teatralizadas, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha no ano 2016. Esta proposta pretende acercar a cidadanía a nosa riqueza cultural e patrimonial coas visitas teatralizadas,  dirixidas ao público adulto da man de tres anfitrioas de excepción: María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia Lluria. Pola súa banda, as caracterizadas, están dirixidas ao público familiar e estruturadas en forma de conto, con diversos personaxes estreitamente relacionados coa vida no castelo.

Castelo de Sobroso

2022 tamén foi o ano da estrea no mes de abril da musealización, vangardista e interactiva, no Castelo de Sobroso que chegou nestes meses ás case 8.000 visitas. Ambos os dous Castelos acolleron ao longo do ano unha ampla cantidade de actividades culturais promovidas pola Deputación e enmarcadas no programa “Con-Fiando Cultura”. Tras as Ameasencheu de actuacións o calendario estival destas dúas fortalezas colgando o cartel de completo na maioría dos espectáculos. Un total de 14 actos, sete en cada Castelo, que fixeron desfrutar aos máis cativos e cativas da maxia, o teatro, a musica, a danza, o circo ou de talleres artísticos. Outra das actividades que converteu os Castelos en escenarios foi Música no Ar, Soutomaior foi o encargado de dar o tiro de saída a longa lista de recitais prevista para este ano, o recital tivo lugar no Patio de Armas, cun concerto da Orquestra de Vigo e Cintaadhesiva no que interpretaron Proxecto “Retrato Musical”. Pola súa banda, o Castelo de Sobroso tamén gozou do seu espectáculo cunha actuación do Cuarteto de corda da OV430.