O programa provincial Tras as Ameas ofrece este xoves no Castelo de Soutomaior o obradoiro infantil de natureza e creatividade “Explorando a paisaxe”

A actividade, a cargo de Taller Abierto, celebrarase ás 18 horas e ten xa todas as prazas esgotadas

05/07/2023

O programa provincial Tras as Ameas, a proposta cultural e familiar da Deputación de Pontevedra que abrangue este verán unha ampla e diversa oferta de actividades inspiradoras dirixidas a todos os públicos para vivir experiencias únicas nos castelos de Soutomaior e Sobroso, ofrece este xoves 6 de xullo un obradoiro infantil de natureza e creatividade no Castelo de Soutomaior, baixo o título Explorando a paisaxe. O colectivo Taller Abierto impartirá desde as 18 horas esta actividade que ten xa todas as súas prazas esgotadas.

Neste obradoiro o grupo de nenas e nenos participantes coñecerán o xardín do Castelo de Soutomaior, considerado o botánico máis importante de Galicia. Está formado por xardíns de camelias, viñedos e unha zona de bosque con castiñeiros, carballos, pinos, eucaliptos, liquidámbares, érbedos e loureiros, ademais de distintas árbores singulares que destacan polas súas grandes dimensións, idade, orixinalidade ou beleza. Neste contexto privilexiado proporase unha actividade didáctica onde se combinan a observación e o traballo plástico nun exercicio de apreciación da natureza e de valoración da paisaxe. As nenas e nenos darán un paseo cun caderno de ruta para poder ir completando as diversas propostas relacionadas co espazo que percorren. O obxectivo é que a cativada coñeza a contorna do Castelo de Soutomaior e entenda a importancia do medio natural na vida das persoas, así como espertar nelas e neles o interese pola natureza, o medio ambiente, o patrimonio e a paisaxe.

O colectivo Taller Abierto, que imparte Explorando a paisaxe, está formado fundamentalmente por dúas mulleres con formación en arquitectura que fundaron unha empresa de xestión cultural e talleres creativos en Pontevedra. Traballan con propostas específicas sobre a arte e a arquitectura, en relación coa contorna e a súa historia. Contan cunha ampla experiencia na realización de talleres e proxectos con nenas e nenos.

Tras as ameas arrancou o pasado 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo divididas en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).

Amais deste obradoiro de natureza e creatividade, hai outras cinco vindeiras actividades que teñen as prazas esgotadas: o espectáculo de maxia Rock ‘n’ magic do Mago Teto, o 20 de xullo en Soutomaior; As palabras perdidas de Inventi Teatro, o 27 de xullo en Soutomaior; as actividades de circo Glamping de SU.MA., o 3 de agosto en Soutomaior; o espectáculo circense Nino & Mambrú de Nauta o 17 de agosto en Soutomaior; e a actividade de maxia Superheroe de Fran Rei o 22 de agosto en Sobroso.

Si quedan prazas dispoñibles para o obradoiro Frida da compañía A Cova das Letras, o 13 de xullo no castelo de Soutomaior; o espectáculo nocturno Caldo a cargo de  María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandereta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) o 18 de xullo en Sobroso; o concerto Silforiña da compañía Golfiños o 1 de agosto en Sobroso; o concerto Paxaro amigo. Músicas para a paz de Mamá Cabra o 10 de agosto en Soutomaior; e, finalmente, para o obradoiro Lingoreteira de Xarope Lulú en Sobroso.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.