O grupo Mamá Cabra une este xoves música e teatro nun espectáculo infantil no castelo de Soutomaior

A acción ‘Paxaro amigo. Músicas para a paz’ enmárcase no ciclo da Deputación “Tras as Ameas”, está dirixido ao público a partir de 3 anos e ten todas as prazas esgotadas

09/08/2023

O grupo de música infantil Mamá Cabra protagoniza este xoves 10 de agosto no Castelo de Soutomaior a nova proposta do ciclo da Deputación de Pontevedra “Tras as Ameas”. O xardín da fortaleza converterase no escenario do novo espectáculo do grupo, baixo o título ‘Paxaro amigo. Músicas para a paz’, que comezará ás 19:00 horas e para o que xa están todas as prazas esgotadas.

Esta proposta, dirixida ao público infantil a partir dos 3 anos, está cargada de mensaxes que apostan por un mundo mellor. O espectáculo inspírase no libro de Mamá Cabra ‘A bruxa Discordia’ e narra a historia desta bruxa, que está feliz destruíndo a paz e facendo que todos os animais e os humanos se leven mal, ata que un día sucede algo que cambiará o seu mundo para sempre. No elenco protagonista figuran Prepablo Patinho (autor do texto e director do espectáculo), Luchi Iglesias, Gloria Mosquera, Tomi López, Diego Maceiras e Harry Prince.

Esta actividade é unha das 13 programadas ao abeiro de “Tras as Ameas”, o programa co que este verán a Deputación de Pontevedra está a encher de cultura os castelos de Soutomaior e Sobroso. O ciclo arrancou o 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo. As actividades están divididas en cinco bloques: ‘Noite no castelo’ (accións nocturnas), ‘Música con historia’ (concertos para público familiar), ‘Nin príncipes nin princesas’ (contacontos), ‘O teatro vén de visita’ (teatro de rúa), ‘Creando no xardín’ (obradoiros participativos de arte), ‘Vaia circo este castelo!’ (espectáculos de circo exterior) e ‘Entre muros de maxia!’ (espectáculos de maxia).

Os próximos tres espectáculos, os últimos da actual edición do programa, teñen xa tamén todas as prazas esgotadas: ‘Nino & Nambrú’ de Nauta, o 17 de agosto no Castelo de Soutomaior; o espectáculo de maxia ‘Superheroe’ de Fran Frei, o 22 de agosto no Castelo de Sobroso; e por último o obradoiro ‘Lingoroteira’, de Xarope Lulú, o 29 de agosto tamén en Sobroso.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.