O Castelo de Soutomaior acolle este xoves o espectáculo “Rock ‘n’ magic” do Mago Teto ao abeiro do programa da Deputación “Tras as Ameas”

Neste show para todos os públicos, que comezará ás 19 horas, o ilusionista mestura dúas das súas grandes paixóns: o rock e a maxia

19/07/2023

Música e maxia envolverán o Castelo de Soutomaior este xoves 20 de xullo co espectáculo Rock ‘n’ magic do Mago Teto, unha actividade para todos os públicos cargada de ritmo e humor que se enmarca no programa provincial Tras as Ameas, co que este verán a Deputación de Pontevedra enche de cultura os castelos de Soutomaior e Sobroso. A actuación, para a que están xa todas as prazas esgotadas, comezará ás 19 horas e nela o Mago Teto ofrecerá unha mostra do seu repertorio, no que caben aparicións sorprendentes, xogos de adiviñación e pequenas e grandes ilusións máxicas acompañadas de temas de rock and roll.

O Mago Teto debutou cando era só un adolescente no seu instituto de Viana do Bolo sorprendendo aos seus compañeiros e compañeiras cunha actuación no Día das Letras Galegas de 1992. Catro años despois, chegou o seu despegue profesional con A maxia dos soños e desde a estrea dese primeiro espectáculo, con tan só 19 anos, foise convertendo nun dos ilusionistas máis relevantes de Galicia. Con Rock ‘n’ Magic, dirixido por Fran Rei, o Mago Teto une o seu talento ao de Fer Risco (na batería) e Mon Orencio (na guitarra).

Tras as Ameas arrancou o 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo divididas en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).

Ademais de Rock ‘n’ Magic, hai outras cinco actividades que teñen as prazas esgotadas: As palabras perdidas de Inventi Teatro, o 27 de xullo en Soutomaior; as actividades de circo Glamping de SU.MA., o 3 de agosto en Soutomaior; o concerto Paxaro amigo. Músicas para a paz de Mamá Cabra o 10 de agosto en Soutomaior; o espectáculo circense Nino & Mambrú de Nauta o 17 de agosto en Soutomaior; e a actividade de maxia Superheroe de Fran Rei o 22 de agosto en Sobroso. Si quedan prazas dispoñibles para o concerto Silforiña da compañía Golfiños o 1 de agosto en Sobroso e para o obradoiro Lingoreteira de Xarope Tulú o 29 de agosto en Sobroso.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.