A Deputación recomenda incrementar a vixilancia nas viñas ante o posible incremento de esporas de mildio

A Estación Fitopatolóxica Areeiro avisa da importancia de comprobar a maquinaria de tratamentos e adquirir o produto para a primeira aplicación ante a aparición das primeiras esporas

29/03/2025

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar un novo aviso fitosanitario do persoal da Estación Fitopatolóxica Areeiro como parte da fase inicial da campaña deste 2025. Unha época na que, se ben as viñas mostran heteroxeneidade entre predios e tamén dentro da mesma parcela, recomenda incrementar a vixilancia ante o posible incremento de esporas de mildio no ambiente, principalmente naquelas nas que haxa certo desenvolvemento da vexetación, non sendo tan necesario nas que só estean a agromar e non teñan follas abertas.

Nos captadores de esporas que o persoal técnico ten tanto na comarca do Salnés como nas propias viñas de Areeiro, ao longo da última semana xa se recolleron algunhas de mildo, se ben aínda de maneira puntual, grazas, en boa medida, ás condicións meteorolóxicas destes días, con temperaturas mínimas de 5-7ºC. Aínda así, a curto prazo e ante a previsión do tempo, ao suavizarse as temperaturas mínimas e mesmo certa precipitación na semana que vén, agárdase un aumento de esporas, de aí a importancia de incrementar a vixilancia.

O persoal técnico de Areeiro lembra que, ante as esixencias europeas  de redución do número de aplicacións fitosanitarias e tamén ás características da climatoloxía das Rías Baixas e dos patóxenos aéreos que afectan á vide, é imprescindible manter a cuberta das viñas ben rozada ao longo de toda a campaña, non só dentro do propio viñedo senón tamén nas marxes para favorecer a ventilación das plantas. Ademais, recomendan comprobar que a maquinaria de tratamentos está en perfecto estado e ir adquirindo o produto para estar preparados.

No relativo a outros parasitos da viña, neste inicio de campaña desde Areeiro tamén aconsellan prestar atención á calidade da brotación por se hai zonas das varas nas que non hai apertura de xemas, vixiar tamén a potencial presenza de pedroulo e ir adquirindo as trampas de feromonas ou os difusores para a confusión sexual da avelaíña. Ademais, convén eliminar, se non fixo xa, calquera planta que poida ter morto, retirando a cepa coas raíces para limitar os potenciais ataques de patóxenos do solo.

Por último, Areeiro lembra que en diversos cultivos leñosos e herbáceos os brotes tenros en crecemento atraerán a diferentes pragas de insectos. Tamén nestes casos a vixilancia dos gromos é unha medida moi conveniente para poder detectar os primeiros ataques e actuar de xeito localizado incluso eliminando manualmente os brotes afectados, xa que por exemplo moitas froiteiras de óso están en floración e hai que evitar no posible aplicar tratamentos para non causarlle danos ás abellas e outros polinizadores.

Enlaces de interés

Galerias de imagenes