As Neves acolle o vindeiro venres 15 a presentación do libro de Xosé Ramón Paz Antón sobre a historia do concello

A deputada provincial de Memoria Histórica María Ortega coñecerá as actuacións de eliminación de simboloxía franquista realizadas grazas ás subvencións da Deputación na fonte de San Ignacio, no acceso ao centro de saúde e na igrexa

08/07/2022

transparencia FEMP

O Concello das Neves acollerá o vindeiro venres 15 ás oito da tarde a presentación do libro de Xosé Ramón Paz Antón ‘As Neves. Notas de historia contemporánea 1836/1956’ e a conmemoración da eliminación da simboloxía franquista na fonte de San Ignacio e no acceso ao centro de saúde do concello.
O acto contará coa presenza do alcalde Xose Manuel Rodríguez Méndez e o autor Xosé Ramón Paz, ademais da deputada de Memoria Histórica María Ortega,  quen coñecerá ‘in situ’ as actuacións realizadas grazas ás subvencións da Deputación da nova Liña de axudas para a retirada de simboloxía franquista nos concellos da provincia.
Dende o Concello convidan á veciñanza a tomar parte do evento, que comezará no lateral da igrexa das Neves ás 20 horas, onde se manteñen nomes gravados na pedra dos muros da construción de persoas caídas –unicamente- do bando nacional. Alí instalouse un panel explicativo de memoria histórica e será onde se falará das actuacións realizadas no municipio para retirar simboloxía franquista grazas á Deputación.
O Concello das Neves recibiu unha axuda de 1.028,5 euros para actuar na Fonte de San Ignacio, onde se fixo un piqueteado da pedra baixo a figura de San Ignacio onde había un xugo e unhas lanzas; e o portalón de acceso ao centro de saúde onde había tamén un símbolo de falanxe co  xugo e unhas lanzas que foi retirado.
Nestes lugares, e tamén na igrexa, instaláronse amais por parte do Concello paneis explicativos do acontecido durante o réxime. “É preciso actuar para seguir insistindo na correcta interpretación histórica dos feitos acontecidos na guerra civil e ditadura para fornecer unha sociedade máis democrática”, sinalan dende o Goberno local.
Unha vez realizada a conmemoración da eliminación da simboloxía franquista na igrexa, todas as persoas que así o desexen poderán ir cara a Fonte de San Ignacio, outro espazo icónico, onde se fará a presentación do libro de Xosé Ramón Paz Antón ‘As Neves. Notas de historia contemporánea 1036/1956’.
Alí farase un repaso de boa parte da historia do concello, dende a creación do Concello Constitucional de Setados e a súa actividade decimonónica, pasando pola educación no século XIX, as forzas conservadoras do Bugallalismo (1892-1930), o Agrarismo, a II República, e o golpe de estado e a represión franquista.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 13 resultados.